A Cova de Eirós convértese no xacemento con arte rupestre máis antigo de Galicia
Novas datacións dun grupo de investigación no que participa a USC outorga ao enclave prehistórico de Triacastela unha cronoloxía de 9.000 anos.
Fotografía da sala interior de Cova Eirós // GEPN-AAT/IPHES
Un grupo de investigación formado por membros da Universidade de Santiago de Compostela e do IPHES de Tarragona acaba de situar a datación das pinturas de Cova Eirós, en Triacastela, hai 9.000 anos, o cal as converte no xacemento con arte máis antigo de Galicia.
Segundo informan desde a USC, o desenvolvemento das datacións radiométricas mediante acelerador de masas nas últimas décadas está a permitir datar de modo directo manifestacións pictóricas elaboradas con materiais orgánicos como o carbón vexetal.
Con todo, debido aos graves problemas de contaminación, no caso concreto das pinturas de Cova Eirós foi preciso recorrer a unha "sofisticada" variante técnica, a oxidación por plasma, para a que contaron coa "dilatada experiencia" de Karen Steelmann, da Universidade de Central Arkansas, informan nun comunicado.
As analíticas permitiron afirmar que as pinturas foron realizadas usando carbón vexetal como pigmento. Así, e a pesar desa problemática e a mala conservación das imaxes, "foi posible obter dúas datacións C-14 sobre outros tantos temas incluídos no Panel III da cova que, unha vez combinadas estatisticamente e tendo en conta as interferencias de carbón moderno provocadas por un lume aceso cara a ese sector da parede en época medieval, indícannos que esas figuras realizáronse hai máis de 9.000 anos", afirman os investigadores.
Estes resultados acaban de ser publicados no último número da prestixiosa revista Radiocarbon, a publicación de referencia internacional no ámbito das datacións mediante Carbono 14. O artigo vira ao redor da cronoloxía absoluta da arte pintado en Cova Eirós (Triacastela), un xacemento no que este grupo investigador traballa desde 2008 e que nos últimos anos conta co apoio económico da Xunta de Galicia.
O MÁIS ANTIGO DE GALICIA
As datacións obtidas sobre un só dos 13 paneis decorados nesa caverna converten así este lugar no xacemento con arte máis antigo de Galicia xa que as pinturas megalíticas son 3.000 anos posteriores, como indican as datacións AMS obtidas a través dun proxecto dirixido polo GEPN da USC e que tamén contou coa colaboración de Steelman.
Detalle dun dos motivos pintados coa localización da mostra datada (recuadro verde). Á dereita, calco da pintura datada (en negro) e a figura zoomorfa esquemática infraxacente (vermello) // GEPN-AAT/IPHES
Os datos proporcionados na Cova de Eirós polo Carbono 14 súmanse ás consideracións de tipo estilístico, que achegan polo menos unha parte do repertorio iconográfico alí detectado ao chamado Estilo V da arte paleolítica. Este período correspóndese aos momentos finais do Paleolítico e atópase ben representado noutros xacementos ao aire libre da Meseta española (Sega Verde) e do Norte de Portugal (Foz Côa), pero é moito máis escaso en covas (Cova Palomera).
No marco da colaboración interdisciplinar cuxos resultados ven agora a luz, os traballos de datación directa da pintura en Cova Eirós van continuar co fin de precisar, na medida do posible, o encadramento cronolóxico e a secuencia de execución das mostras artísticas documentadas neste xacemento cavernario único na prehistoria de Galicia.
Escribe o teu comentario