Rajoy anuncia que tomará o control das institucións catalás e convocará eleccións
O Goberno central vai destituír o Executivo da Generalitat e asegura que chamará ás urnas "en canto se recupere a normalidade institucional".
As medidas foron acordadas con PSOE e Cs. Foto: @marianorajoy
Rajoy anunciou este sábado as medidas concretas que o seu Goberno solicita ao Senado en aplicación do artigo 155 da Constitución.
Dentro destas medidas, será el mesmo o que asuma a capacidade de convocar eleccións. "Se o Senado o acepta, a facultade de disolver o Parlamento de Cataluña pasa ao presidente do Goberno", afirmou.
Así, aínda que se dá un prazo máximo de seis meses, a vontade de Rajoy "é facelo en canto se recupere a normalidade institucional".
Na mesma liña, o Goberno central solicita ao Senado que o autorice a "proceder ao cesamento do presidente, vicepresidente e conselleiros da Generalitat".
Rajoy explicou que estas funcións "corresponderán aos órganos que designe o Goberno da nación", que recaerán, en principio, nos ministerios.
Con todo, defendeu que a administración da Generalitat "seguirá funcionando como administración ordinaria e actuará baixo as directrices dos órganos designados".
En canto ao Parlamento, Rajoy solicita quitar á súa presidenta a capacidade de "propoñer candidato" e a toda a cámara a competencia de celebrar unha investidura.
"O Parlamento non pode adoptar medidas contrarias á lexislación española", declarou Rajoy.
"Non se suspende a autonomía nin o autogoberno, césase ás perosnas que puxeron fóra da lei ás institucinoes", rematou Rajoy.
Ten máis detalles a información de Catalunyapress.
EXPLICACIÓN
O Goberno explica nun documento de once folios os motivos para aplicar o artigo 155, que se basean en que a Generalitat de Cataluña puxo en marcha unha secesión "con desobediencia rebelde e sistemática", que afecta de maneira "grave" ao interese xeral de España.
Ademais, no texto constátase o "incumprimento manifesto, contumaz e deliberado" dos preceptos legais e dos pronunciamientos e requirimentos do Tribunal Constitucional por parte das máximas institucións gubernativas catalás e parlamentarias.
E alude a "que as pretensións secesionistas están a motivar xa unha seria deterioración do benestar social e económico en Cataluña", provocándose "unha progresiva fractura" e unha posta en "risco das condicións para o crecemento económico". Exemplifica así que a actuación afectou "gravemente ao interese xeral de España".
GARANTIR A UNIDADE
Neste documento, o Goberno tamén acode á doutrina do Tribunal Constitucional, que nunha sentenza do ano 2014 di que o artigo 155 "opera como medida de último recurso do Estado ante unha situación de incumprimento, manifesto e contumaz, deliberado ou neglixente dunha determinada comunidade autónoma, que non adoptou, primeiro por propia iniciativa e logo a instancias do Estado, as medidas oportunas para corrixir a desviación na que incorreu".
Tamén se recorre ao dereito comparado para explicar que "é común" nos Estados compostos a existencia de mecanismos constitucionais que aseguren a unidade do Estado e o respecto dos seus membros á orde constitucional. Así, aluden ás normas esablecidas en Suíza, Austria, Italia, Portugal ou os EEUU.
Escribe o teu comentario