Novo ataque a un caixeiro de madrugada no centro de Santiago
Aínda que o lume non afectou a nada máis, os bombeiros tardaron unha hora en sufocar as chamas.
Os Bombeiros de Santiago sufocaron na madrugada deste mércores un novo incendio nun caixeiro automático no centro da capital galega, tras os actos vandálicos rexistrados na xornada anterior.
Segundo informaron fontes dos bombeiros, ás 4,03 horas deste mércores recibiron a chamada por un incendio nun caixeiro dunha oficina bancaria situado na rúa Rosalía de Castro confluencia co cruzamento de Romero Donallo.
Os bombeiros desprazaron ao momento unha dotación que actuou durante unha hora no lugar para sufocar as chamas. As mesmas fontes concretaron que unicamente resultou afectado o terminal e non houbo danos en instalacións lindeiras.
O Executivo local mostrou nun comunicado a súa condena destes actos violentos.
"O Goberno de Santiago condena calquera acción violenta e entende que nunca hai xustificación para actitudes deste tipo. Compostela é unha cidade tranquila, e actos como os desta noite non teñen cabida na nosa sociedade."
O alcalde, Martiño Noriega, púxose en contacto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para expresarlle a súa repulsa ante o acontecido. Tamén mantivo contactos cos voceiros dos grupos da Corporación municipal para mantelos informados sobre estes lamentables feitos.
OUTROS ACTOS VANDÁLICOS
Na madrugada do martes tamén resultaron danados outros caixeiros situados no Ensanche compostelán (na confluencia entre as rúas Santiago de Chile e A Rosa, e outro en Frei Rosendo Salvado, segundo concretou o Consistorio), que resultaron queimados.
De feito, a Policía Nacional investiga varios actos vandálicos rexistrados en Santiago de Compostela durante a madrugada do martes. Os obxectivos foron a residencia oficial do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, en Monte Pío, contra a que se lanzou un artefacto incendiario de fabricación caseira, que impactou nun muro e apenas produciu danos, e dous caixeiros automáticos, que quedaron calcinados.
Escribe o teu comentario