Atacan cun cóctel molotov a residencia oficial de Feijóo
Ademais do artefacto incendiario contra Monte Pío, sospeitan que o mesmo individuo provocou danos en dous caixeiros automáticos de madrugada.
Entrada da residencia de Monte Pío.
A Policía investiga unha serie de actos vandálicos rexistrados na capital galega durante a pasada madrugada, cando se lanzou un artefacto incendiario de fabricación caseira contra a residencia oficial do presidente, en Monte Pío, e posteriormente foron causados danos en dous caixeiros automáticos.
Fontes policiais informaron que a investigación está aberta e, polo momento, non hai ningún detido. Fontes municipais, pola súa banda, concretaron que podería tratarse dun mesmo individuo, dado que as características físicas e a vestimenta captadas nas cámaras situadas nas distintas localizacións parecen coincidir.
O artefacto lanzado contra a residencia de Monte Pío --polas características podería tratarse dun cóctel molotov, pero determinarase na investigación-- impactou contra o muro na zona de acceso de vehículos e non causou danos.
O sindicato policial SUP xa alertara da falta de efectivos policiais para se encargar da seguridade nos edificios oficiais.
Escribe o teu comentario