As mulleres do rural reclaman "empoderamento e voz" para deseñar o futuro
Este domingo celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais, con moitos ámbitos nos que centrar as súas reivindicacións.
A Federación de Mulleres Rurais de Galicia reclama este sábado, nun acto no Palacio de Congresos e Exposicións da Coruña que reúne a uns 500 asistentes de toda Galicia, "empoderamento e voz para a muller" no deseño de políticas para o rural no Día internacional das mulleres rurais.
En concreto, tal e como indicou esta federación nun comunicado, a reivindicación para este ano pasa por que "as mulleres teñan voz nas políticas que garantan o futuro do mundo rural e a igualdade das mulleres rurais".
En especial, Fademur aposta por centrarse na Estratexia nacional fronte ao reto demográfico en todo o relativo ao despoboamento e na implementación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
"Levamos uns anos aciagos, con recortes e coa práctica desaparición das políticas de igualdade que provocaron un importante retroceso en dereitos e oportunidades", denunciaron desde Fademur Galicia, para logo engadir que esta situación está a expulsar a xente dos pobos.
Ao acto acoden o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos; a presidenta da Federación de Mulleres Rurais, Teresa López; e o secretario de Unións Agrarias, Roberto García.
HEROÍNAS NO RURAL
"Vivir e traballar no medio rural non pode ser cousa de heroes e heroínas", reclamaban as participantes nunha xornada celebrada esta semana pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais.
Segundo AMFAR, trátase dun colectivo que en máis da metade dos casos (o 54%) aposta polo emprendemento e faino a pesar dos "freos" que supoñen a falta de infraestruturas, comunicacións deficientes, carencia de novas tecnoloxías, necesidades formativas e unha sociedade "condicionada por arraigamentos e mentalidades máis tradicionais".
"Debemos aumentar a participación das mulleres no mercado laboral e conseguir a súa independencia económica, reducir as diferenzas retributivas entre mulleres e homes, impulsar a igualdade na toma de decisións, promover o equilibrio entre responsabilidades familiares e profesionais, acabar coa violencia sexista que ataca gravemente ás mulleres do medio rural; así como protexer e axudar ás vítimas", resumiu a presidenta de AMFAR, Lola Merino Chacón.
AMFAR cifra en preto de 6 millóns o número de mulleres que viven no medio rural en España, nun contexto no que "o despoboamento e a falta de substitución xeracional no campo convertéronse en dous graves problemas" para España, un país cun forte compoñente de poboación e de economía rural.
"No últimos tres anos, a poboación rural española descendeu a un ritmo de 45.000 habitantes cada ano. Dos máis de 8.000 municipios que hai en España, máis do 60% atópanse gravemente ameazados pola extinción demográfica, xa que non só perden habitantes, senón que rexistran taxas nulas de natalidade desde hai mesmo décadas", lembra Merino.
"MÁIS FORTES", "MÁIS VISIBLES"
O grupo parlamentario do PSdeG na Cámara galega instou á Xunta a crear unha "estratexia particular" para fomentar a "visibilización" das mulleres no rural galego, que continúan estando "infrarrepresentadas" nos espazos de toma de decisións.
En palabras da portavoz de Igualdade do PSdeG no Hórreo, María Pierres, o obxectivo da proposta socialista é facer que as mulleres do rural sexan "máis fortes, máis visibles e máis empoderadas".
"A pesar de que ninguén pon en dúbida o seu relevante papel no rural, seguen estando infrarrepresentadas, fóra dos espazos de toma de decisións, son invisibles, teñen máis dificultades para o acceso ao mercado laboral e sofren as consecuencias da fenda salarial", incidiu Pierres.
Escribe o teu comentario