Forzas políticas galegas ven nas detencións en Cataluña o "fracaso da vía política"
Deputados de En Marea e BNG protestaron contra a "represión", mentres Leiceaga chama a pensar no día despois do 1-O.
Protesta ante a Cámara autonómica.
A operación policial contra altos cargos da Generalitat ao redor da preparación do referendo independentista ilegal provocou reaccións moi dispares en Galicia.
Deputados de En Marea e o BNG concentráronse ante o Parlamento galego en protesta contra a "represión", con carteis nos que se podía ler 'Represión non. Galiza con Cataluña'.
Nesta liña, a plataforma Galiza con Catalunya, formada por unha vintena de colectivos, convocou unha manifestación en Santiago a véspera do 1-O para reivindicar "o dereito a decidir dos pobos".
Diso deu conta en rolda de prensa unha das portavoces deste colectivo, Olaia Chaves, quen subliñou que esta iniciativa xa foi comunicada "hai dous días", de modo que, segundo as súas palabras, articulouse conforme marca "a legalidade".
"O Goberno está a aplicar o artigo 155 da Constitución (a suspensión da autonomía en Cataluña) de forma encuberta", denunciou.
"PROPORCIONALIDADE" E "DIÁLOGO"
Xoaquín Fernández Leiceaga, defendeu este mércores que o Goberno "ten que impedir" que se celebre o referendo en Cataluña, pero reclamou "proporcionalidade" porque, tras o 1-O, "a vida continúa".
Así pois, tras mostrar o seu "apoio" ao Executivo estatal, como explicou o dirixente socialista, o seu obxectivo é que non se tomen "medidas demasiado duras" que poidan "dificultar" o proceso de diálogo que haberá que iniciar tras o 1-O. Por tanto, sintetizou: "defensa da legalidade, pero con proporcionalidade".
Pola súa banda, Feijóo pediu "tranquilidade" e opinou que son "decisións ilegais" as que "contribúen a caldear os ánimos".
Tamén chamou a "non sacar de contexto" os feitos e avisou de que "pésimo servizo" fará calquera gobernante se usa aos cidadáns "como reféns" no actual contexto.
"FRACASO DA POLÍTICA"
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou que as detencións realizadas en Cataluña nas últimas horas "certifican o fracaso da vía política".
Reiterou, ademais, que "as cousas non se están facendo ben cando hai que recorrer ao Código penal para solucionar problemas políticos" e volveu reclamar "unha saída pactada" ao problema xerado en Cataluña.
Escribe o teu comentario