O Dépor non dá coa tecla e suma a terceira derrota da liga
(2-1). Un dobrete de Joaquín deixa outra semana máis os de Pepe Mel sen conseguir nin unha vitoria na competición.
O Dépor suma un punto de doce posibles. Foto: RC Deportivo
Outra derrota máis do Dépor no primeiro dos tres duelos nunha semana. Un dobrete de Joaquín bota por terra a esperanza (e necesidade) de sumar a primeira vitoria da tempada.
O Betis saíu mandando no seu estadio, tendo a posesión e facendo traballar en defensa ao Dépor, que tivo que replegarse ante o ímpeto local.
Pasado o cuarto de hora, e tras varios avisos e varias intervencións de Pantilimon, chegou o primeiro gol de Joaquín, precisamente por un rexeite do meta deportivista ante un remate de Sergio León.
O Dépor seguiu incapaz facer fronte ao dominio bético e o seu primeiro achegamento non chegou ata pasado o minuto 20, cun disparo afastado de Guilherme. Iso si, un minuto máis tarde, Fede Cartabia soubo rendibilizar unha dobre ocasión dos coruñeses para enviar cruzado un disparo desde fóra da área ao que non chegou Adán.
Na recta final do primeiro tempo, o Dépor si puido equilibrar o partido e gañar presenza arriba, aínda que o golpeo de ocasións foi constante a favor e en contra.
Tras a continuación, co 1-1, volveu ameazar o Betis pero salvou de novo Pantilimon. E aos cinco minutos, Undiano Mallenco rectificou un penalti favorable ao Betis, tras falar co asistente.
Ata preto da hora de partido non volveu aparecer o Dépor, aínda que con pouco perigo, nun tempo sen dominador claro.
E Cartabia volveuna ter nun contragolpe que levou Adrián e que terminou nun disparo manso que puido atallar Adán.
A 20 para o final, o Dépor volveu sufrir as arremetidas locais, que terminaron noutro gol de Joaquín, que rematou só ante Pantilimon un pase de Gardado a un cuarto de hora para o final.
A entrada de Lucas Pérez, que botou o equipo ás costas, non bastou para que o Betis perdese o control do encontro.
Escribe o teu comentario