Tino Fernández: "Este equipo ten que loitar por ser o 10 ou o 11"
O presidente aspira a superar ao Celta na táboa e pelexar por Europa. Non considera "un drama" cambiar de adestrador ata dar coa tecla.
Tino Fernández, en Riazor. Foto: RC Deportivo
O presidente do Dépor súmase ás mensaxes de tranquilidade que ultimamente se están mandando desde o club. "Dígolle á xente que estea animada e tranquila, porque temos moi bo equipo", manifestou Tino Fernández nun acto.
O mandatario do club herculino fixa varios obxectivos para esta tempada, na que "este equipo ten que loitar por ser o 10 ou 11". Ademais fala da posibilidade de superar o Celta na clasificación e aspira a regresar a Europa.
"Este ano tampouco descarto Europa. Europa podes andar rozándoo, terceiro é imposible. Pero sétimo, sexto, gañar a Copa... nós temos que ir coa máxima ilusión", remarcou Tino Fernández.
Con todo, critica a imaxe dada contra a Real Sociedade. "Colléronnos nas patacas. Ten que haber moita máis tensión, chégannos moi fácil", reprochou.
E insiste en vencer no Villamarín. "Din que o Betis é mellor equipo que nós. Pero se o Betis nos quixo fichar varios xogadores! Temos que ser mellores que eles, agora hai que demostralo".
Para aspirar a todo non ve "como un drama" ir cambiando de adestrador. "Non tivemos sorte en que se puidese consolidar ningún. Oxalá sexa Pepe Mel. Pero se temos que cambiar, seguiremos cambiando", revela.
Ademais, confirmou a fichaxe do dianteiro internacional panameño Ismael Díaz, cuxa incorporación ao Fabril está á espera de que "arranxe os papeis" para vir a España.
Escribe o teu comentario