Atrasado ao 9 de outubro o peche do corredor do Morrazo
O viario non volverá abrir ata maio, convertido xa en autovía. A conservación do castro de Montealegre obrigou a cambiar o proxecto.
A Xunta anunciou que atrasa o peche ao tráfico do corredor do Morrazo ata o 9 de outubro, para facilitar a mobilidade durante a celebración da feira Conxemar (que terá lugar no Instituto Feiral de Vigo do 3 ao 5 de outubro).
Así llo trasladou a Consellería de Infraestruturas aos concellos de Moaña, Cangas e Bueu, e ás empresas que están a desenvolver as obras neste viario, para realizar os axustes necesarios na programación dos traballos.
O pasado mes de xuño acordouse, con eses municipios, variar o trazado da autovía que se está construíndo para preservar o castro de Montealegre. Ese cambio obriga a pechar o corredor ao tráfico entre outubro e maio do ano que vén, cando se abrirán os primeiros tramos do viario, xa con características de autovía.
Para preservar o conxunto arqueolóxico será necesario ampliar o túnel que hai actualmente, nunha obra complexa tecnicamente e que non ten precedentes en España.
Escribe o teu comentario