Barallan levar á xustiza "a afección" ao castro de Montealegre

As obras do Corredor do Morrazo ameazan o xacemento que se atopa "nun estado de conservación excepcional".


|

Castrocorredormorrazo


A Plataforma Salvemos o castro de Montealegre decidirá a próxima semana se interpón accións legais para tentar paralizar a afección a este poboado prehistórico, "afectado" polas obras de desdobramento do Corredor do Morrazo. Tamén reclama o apoio efectivo dos concellos de Moaña, Vilaboa e Cangas para as próximas mobilizacións que o colectivo pretende levar a cabo ante a Xunta, en Santiago.


Con motivo dunha visita guiada ao castro de Montealegre, na que participaron unhas 150 persoas, segundo a organización, a Plataforma fixo un chamamento á cidadanía para que se solidarice con esta causa.


Entre as promotoras deste colectivo, Ana Pastoriza tamén anunciou a celebración dunha charla con arqueólogos que participaron en 2004 nas últimas escavacións motivadas pola construción do primeiro túnel construído no subsolo do castro.


Precisamente, a primeira parada da visita guiada -que se desenvolveu en ata tres quendas para facilitar o acceso do público inscrito- produciuse na zona onde se descubriu un "concheiro", onde os antigos habitantes do castro -unhas 300 persoas segundo as estimacións dos expertos- depositaban os restos de moluscos que consumían.


Como guía da expedición, o arqueólogo Alexandre Paz explicou que en Montealegre atopáronse "evidencias do consumo de ostras antes da chegada dos romanos".


CONSERVACIÓN EXCEPCIONAL


Así, o substrato formado polas cunchas dos mariscos favoreceu que chegasen ata os nosos días "nun estado de conservación excepcional" obxectos metálicos como agullas, hebillas, anzois, brazaletes, así como pezas cerámicas decoradas e mesmo "un corno de cervo de hai máis de 2.000 anos".


Ademais, as prospeccións sacaron á luz unha calzada empedrada identificada como unha das entradas ao castro, con estruturas vinculadas a un posible posto de garda, espazos para producir as ferramentas utilizadas para traballar as terras do val de Domaio e restos dunha muralla que Alexandre Paz sinalou como "as estruturas máis antigas documentadas" neste poboado "de hai 2600 anos".


Paz tamén lembrou que as primeiras escavacións se remontan a 1925, impulsadas polo filósofo, escritor e político Antón Losada Diéguez. Dese ano data a publicación 'Escavacións en Montealegre', ao que seguiu 'Obxectos procedentes das escavacións en Montealegre', en 1943.


A visita, que transcorreu co ruído de fondo da maquinaria pesada coa que a construtora Copasa está a executar as obras de desdobramento do corredor, finalizou ante un dos afloramientos graníticos que presenta petróglifos a base de combinacións de cazoletas, que son "o deseño máis simple de gravado" e están catalogadas como Ben de Interese Cultural, destacou Alexandre Paz.


SITUACIÓN CRÍTICA


Entre os asistentes á visita guiada, o concelleiro do BNG de Moaña Odilo Barreiro cualificou de "crítica" a situación do castro de Montealegre, argumentando que "ata agora por parte da Axencia Galega de Infraestruturas non se presentou ningunha alternativa" de obra que evite a afección ao xacemento.


Martínez criticou que "coa crise promulgáronse leis estatais" que, ante conflitos relacionados coa conservación do patrimonio, "teñen en conta factores económicos".


Odilo Martínez valorou a manifestación cidadá do pasado 23 de xaneiro e as reunións mantidas con responsables tanto de Infraestruturas como da Dirección Xeral de Patrimonio que "informou negativamente sobre a afección ao castro e debería ser quen marcase as limitacións".


Con todo, tachou de "curioso e sorprendente" que, a instancias da deputada nacionalista no Parlamento galego Montse Prado, "presentáronse preguntas na a Dirección Xeral de Patrimonio e quen se presentou na comisión foi o responsable da Axencia Galega de Infraestruturas".


O edil animou á Plataforma para "seguir buscando argumentos" que eviten unha nova afección ao castro, a través de informes que avalen a "singularidade" de elementos como o camiño empedrado incluído na visita guiada. A este respecto, apuntou ao Consello da Cultura Galega, para que emita un ditame que, aínda que non sería vinculante, contribuiría a reforzar as teses da Plataforma.

relacionada As 26 rutas do Monte Pindo estarán en Google Street View

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE