Os alcaldes das mareas atacan o PP por "silenciar concellos" en Cataluña
Noriega, Ferreiro e Suárez publicaron unha mensaxe calcada nas súas redes sociais. A FEMP apoia aos que non colaboran co desafío.
Noriega, Ferreiro e Suárez lanzaron unha mensaxe calcada.
Os alcaldes das 'mareas' de Santiago (Compostela Aberta), A Coruña (Marea Atlántica) e Ferrol (Ferrol en Común) critican que o PP "ataca a democracia silenciando concellos e criminalizando a discrepancia" en Cataluña.
Ante o 1-O, Martiño Noriega, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez emitiron este mércores unha mensaxe idéntica a través das súas respectivas contas de Twitter na que subliñan que, ao seu xuízo, o que se necesitan son "solucións políticas" e "non xudiciais".
Ademais, os tres rexedores rematan a mensaxe lanzada de maneira simultánea cun irónico "#HolaDictadura".
ALCALDES PRESIONADOS
O presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, mostrou o seu apoio este mércores aos alcaldes cataláns que se están vendo presionados para colaborar ante o referendo e, ao mesmo tempo, insistiu na obrigación de cumprir a lei.
Entre eles, só hai unha capital de provincia, Xirona, e figuran tamén outros tan importantes como Manresa, Martorell, Vic, Igualada, Vilafranca do Penedés, Reus, Cambrils ou Sitges, entre outros.
Nunha nota de prensa, Caballero expresou que o cumprimento das leis e a lealdade á Constitución e a democracia, supón non dar apoio á celebración dun "referendo ilexítimo e ilegal en ámbitos municipais".
Escribe o teu comentario