Galicia e os Azores estreitan lazos ao redor da lusofonía
Unha delegación da Cámara do arquipélago participa en varias actividades nunha visita organizada polo Parlamento.
Representantes galegos visitaron o arquipélago o ano pasado.
Unha delegación da Asemblea dos Azores, encabezada pola presidenta da Cámara, Ana Luísa Pereira Luís, visitará Galicia os próximos días xoves e venres 14 e 15 de setembro, datas nas que participará en diferentes actos organizados pola Cámara galega e encamiñados a reforzar os vínculos coa lusofonía.
Durante a primeira xornada da visita, tal e como indicou o Parlamento nun comunicado, presentarase na Cámara galega unha edición bilingüe de Viaxe á Illa do Corvo, publicado por primeira vez en Portugal en 1926 dentro da obra As Ilhas Desconhecidas. Notas e Paisagens, despois da viaxe efectuada polo seu autor, Raul Brandao, ao arquipélago dos Azores en 1924.
A tradución ao galego é obra do escritor Xesús Rábade Paredes. O volume inclúe ademais un estudo introductorio elaborado polo profesor Alonso Montero no que repasa os vínculos entre Raul Brandao e algúns escritores galegos do seu tempo. A presentación contará tamén coa participación, entre outras personalidades, do presidente da Real Academia Galega.
Na Cámara galega inaugúrase tamén a exposición fotográfica Açores, silencio e ser, que poderá ser visitada no Pazo do Hórreo durante as próximas semanas.
Ese mesmo día, a presidenta da Asemblea Lexislativa dos Azores, acompañada polo seu homólogo galego, Miguel Santalices, visitará o porto deportivo de Sanxenxo, a sede viguesa do Instituto Español de Oceanografía e terá ocasión de coñecer o porto de Vigo e a actividade dos seus estaleiros.
Xa ao día seguinte, en Santiago, a delegación de Azores será recibida polo presidente da Xunta e polo alcalde de Santiago e visitará a sede do Consello da Cultura.
Ese mesmo día coñecerá a oferta termal de Ourense e desprazarase a Celanova, onde se lles ofrecerá unha recepción no Concello. Posteriormente, na sede da Fundación Curros Enríquez celebrarase un acto cultural para evocar os vínculos deste autor galego co escritor portugués Antero de Quental, nacido nos Azores.
O ano pasado unha delegación galega participou nos actos de celebración do 40º aniversario da autonomía do arquipélago. Alí, a presidenta da Cámara autonómica, Ana Luísa Pereira Luís, recibiu o presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices, ao responsable de política lingüística da Xunta e ao presidente da Real Academia Galega.
Escribe o teu comentario