"A metade das reservas de auga en Galicia pérdense durante o transporte"

En Marea insta á Xunta a establecer cos concellos un plan de mellora da rede de distribución.


|


Fuente


En Marea insta á Xunta a establecer un plan de mellora da rede de distribución de auga no conxunto de Galicia en colaboración cos concellos e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).


Para iso, rexistrou no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei. E é que, tal e como explicou nun comunicado, un informe da Axencia Europea de Medio Ambiente alerta sobre as consecuencias e riscos que o cambio climático ten para Galicia, desde o incremento do nivel do mar ata a elevación da temperatura media. Pero, sobre todo, por a diminución das precipitacións, que podería chegar en "pouco tempo", asegurou, ao "30 por cento en moitos meses".


"Hoxe Galicia continúa tendo os maiores focos de CO2 do Estado e a nosa emisión de gases de efecto invernadoiro supón un 0,12 por cento do total mundial, cando apenas chegamos ao 0,045 da poboación total", denunciou En Marea.


A XUNTA "NON FIXO NADA"


A pesar diso, subliñaron o portavoz da formación, Luís Villares, e o deputado Marcos Cal, o Goberno galego "non fixo nada para evitar esta situación", xa que, criticaron, "en moitos casos" aprobou normativas que van "no sentido contrario".


Por iso, entenden que as políticas da Administración autonómica "contribuíron" á escaseza de auga dos últimos días, que afecta, aseguraron, á correcta extinción dos incendios forestais e a o subministración de auga potable en numerosos concellos de Galicia.


"Galicia, con Asturias, presenta as peores taxas de eficiencia da rede de subministración de auga do conxunto do Estado, con taxas inferiores ao 60 por cento e moi próximas ao 50 na maioría dos casos", denunciou En Marea, para logo engadir que o que significa este dato é que "o 50 por cento das reservas de auga en Galicia se perden durante o transporte".


Durante anos, continuou a formación, este feito non era un problema, pois, salvo por cuestións excepcionais, a subministración estaba "garantida" polas condicións de Galicia: "Pero hoxe fanse necesarias medidas correctoras que melloren estes índices".


MEDIDAS QUE PROPÓN


Na proposición non de lei rexistrada, En Marea solicita a renovación de redes e contadores e o uso de aplicacións de xestión de caudal en tempo real, ademais da elaboración de mecanismos e equipos de control de fugas. Tamén aposta pola redución do consumo non rexistrado, a implantación de sistemas de vixilancia da rede de distribución con prelocalización e o establecemento de plans periódicos de inspección e control das redes de distribución.


Así mesmo, considera necesarias campañas de comunicación antifraude e de uso correcto da rede, plans de revisións de consumos sospeitosos e avaliacións periódicas do resultado do plan.


relacionada Galicia entrará en alerta por seca se non choven 70 litros por metro cadrado en setembro
relacionada Verín queda sen auga potable
relacionada Gandeiros e medios de extinción, obrigados a compartir depósitos de auga en Ourense
relacionada A falta de choivas no último ano supera o 25% en Galicia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE