Un mozo agride na Coruña a súa parella e ela trata de impedir que o deteñan
A policía recibiu un aviso de madrugada polos golpes que se oían nunha vivenda. O detido ten 19 anos.
A Policía Local detivo na Coruña un mozo de 19 anos por un delito de violencia de xénero á súa parella, de 24 anos. A moza tratou, con todo, de impedir a actuación policial, segundo informa a Xefatura Municipal.
A detención do mozo produciuse ao redor da unha da madrugada deste mércores tras recibir un aviso de que nun domicilio da zona de Riazor estaban a rexistrarse golpes e tamén lanzando obxectos á vía pública.
Ao subir á planta, abriulles a porta o detido, que se negou a atender ás preguntas dos axentes e chegou a abalanzarse a un deles dándolle golpes e patadas polos que foi reducido.
Nese momento, a muller tratou de evitar o labor policial, interpoñéndose entre eles, polo que foi necesario solicitar apoio policial.
DISCUSIÓN TRAS SAÍR XUNTOS
Segundo constatou a Policía, a discusión entre a parella, que levaban xuntos desde había catro meses, comezou cando el regresou máis tarde despois de que ambos saísen de festa. Fíxoo, ademais, con actitude agresiva o que orixinou a discusión.
A muller negouse a recibir asistencia médica, mentres que o mozo foi detido por un suposto delito de violencia de xénero e outro de resistencia á autoridade.
Escribe o teu comentario