Preocupación en Galicia por que a pesca sexa "moeda de cambio" no Brexit
Santiago acollerá en outubro unha reunión de pescadores europeos para analizar as consecuencias.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, espera que "a pesca non sexa utilizada como moeda de cambio no proceso negociador" do 'Brexit', que "está a comezar".
A preguntas dos medios este martes en Vilagarcía sobre a división de opinións no Goberno británico sobre do papel que debe desempeñar a pesca no 'Brexit', Quintana lembrou que as negociacións para a saída do Reino Unido da UE aínda están en fase inicial polo que "non se pode dar nada por pechado".
Así, lembra que a Xunta "está a traballar desde o minuto un" en varias vías. Por unha banda, búscanse os "mellores fundamentos xurídico-administrativos" a través do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, "con apoio documental"; e, por outra banda, a economista Carmen García Negro elabora outro informe sobre o impacto social e económico.
A isto únese o grupo de traballo formado no Consello Galego de Pesca para "facer seguimento do proceso negociador", segundo remarca Quintana.
ENCONTRO EN OUTUBRO
Así, o 23 de outubro levará a cabo en Santiago de Compostela unha reunión da Asociación Europea de Pescadores Profesionais para "facer unha valoración de informes" e posicionamento do sector pesqueiro europeo con respecto ao 'Brexit'.
Neste sentido, Rosa Quintana resalta a "forte unión" do sector marítimo pesqueiro de "todas as rexións da UE" e avoga polo traballo conxunto para obter os mellores resultados de fronte ao 'Brexit'.
Escribe o teu comentario