Leiceaga acusa a xestora de favorecer a Villoslada nas redes sociais
"Non estou disposto a quedar calado", avisa o portavoz parlamentario. Desde a dirección atribúen o "erro" a contas antigas.
"Alguén terá que asumir responsabilidades", di Leiceaga.
O precandidato á Secretaría Xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, denuncia o emprego da conta oficial de Facebook dos socialistas galegos en favor de Juan Díaz Villoslada.
En concreto, Leiceaga refírese a unha entrada nesta rede social na que o PSdeG se fai eco dunha mensaxe do tamén precandidato a liderar o PSdeG Juan Díaz Villoslada: "Temos que darlle unha sacudida de modernidade ao partido. Hoxe compartín novas ideas cos compañeiros e compañeiras en Carballo". Isto acompáñase coas etiquetas #ConVilloslada e #PrimariasPSdeG.
Así, Leiceaga cualifica este feito como "moi grave" e reclámalle "neutralidade" á comisión xestora do PSdeG no canto de utilizar as redes sociais do PSdeG "en favor dun candidato".
De tal forma, o portavoz parlamentario socialista avanza que o vindeiro xoves, 17 de agosto, rexistrará na sede do PSdeG en Santiago un escrito no que lle solicita á presidenta da xestora, Pilar Cancela, "as necesarias explicacións" ante o ocorrido. "Pediremos un informe detallado porque é da máxima gravidade", sostén.
"Calquera que coñeza como funciona unha páxina de Facebook con administrador sabe que queda rexistrado quen sobe as fotos e as notas publicadas. Así que alguén terá que asumir responsabilidades diante dun feito tan grave, porque individualmente poden apoiar a quen queiran pero utilizando as redes oficiais non", avisa Leiceaga, quen pediu un informe a un experto informático porque "nin hai casualidades nin pode haber explicacións imposibles".
"XOGO LIMPO"
Así mesmo, Fernández Leiceaga demanda "xogo limpo", como fixo en días pasados, nun proceso que debe "ser exemplar", á vez que se vale das palabras de Villoslada para apuntar: "A mellor sacudida de modernidade que se lle pode dar ao partido é traballar pola unidade e a integración, e este tipo de prácticas só profundan na división".
"A miña campaña interna seguirá sendo fiel ao meu estilo: con propostas, seriedade e rigor. Agora ben, non estou disposto a quedar calado diante se arbitrariedades ou da utilización de ferramentas oficiais en favor dun candidato", advirte.
PUBLICACIÓN ELIMINADA
Desde o partido emitiron unha nota na que piden desculpas pola publicación sobre o "encontro dun compañeiro non no seu labor como deputado, senón como precandidato ás primarias". Ademais, explican que "nin o equipo de redes do partido nin a súa dirección ordenaron esa publicación".
Para evitar "novos erros", o partido eliminou "todos os administradores e claves que puidesen estar abertas de anteriores etapas", contas ás que atribúen a responsabilidade.
Consideran que a "neutralidade do proceso é unha garantía contrastada" e defenden a "ampla bagaxe" na organización de primarias.
"CONEXIÓNS CO APARELLO"
Tamén Gonzalo Caballero lle pediu á xestora "neutralidade" e que ver pola "limpeza" para que "os órganos do partido non impulsen unha candidatura determinada".
En declaracións a Europa Press, Caballero empraza o partido a garantir a "igualdade de oportunidades entre todos os candidatos", pois "este tipo de erros poden facer percibir que existe unha candidatura con maiores conexións co aparello do partido que o resto". A este respecto, reclama un debate "en positivo" no que dialogar sobre "ideas" e "proxectos".
Escribe o teu comentario