Villoslada avoga por un debate entre os precandidatos ás primarias
Considérao necesario para "analizar coincidencias e diferenzas". Tamén Gonzalo Caballero está a manter encontros con militantes.
Considera o debate "absolutamente necesario".
O aspirante á secretaría xeral do PSdeG, Juan Manuel Díaz Villoslada, avogou este venres pola celebración dun debate entre os tres "precandidatos" a liderar os socialistas galegos, tanto el como Leiceaga e Caballero.
Villoslada mantén esta tarde un encontro con militantes da zona sur da provincia de Lugo, en concreto participará en senllos actos en Chantada e Monforte.
"Eu creo que o debate é o punto de encontro de todos, o punto de analizar precisamente coincidencias e diferenzas. Eu creo que o debate é absolutamente necesario, non só coa militancia, senón entre os que neste momento estamos en fase de precandidatos", recalcou.
Villoslada non dubida que ese debate a tres "vai enriquecer, precisamente, este proceso de primarias".
SEN ETIQUETAS
O parlamentario socialista afánase en deixar claro que con este proceso "non se trata de etiquetar a ninguén". "Hai que superar esa dialéctica. Ninguén pode patrimonializar o que son os resultados doutros ámbitos electorais ou da vitoria de Pedro Sánchez porque foron moitos os militante que fixeron esa aposta", concede.
El mesmo di que "non" se vai "etiquetar" logo que algún medio o vinculase co ex secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro.
Sen entrar nesa cuestión, si que recoñece que fixo "un apoio clarísimo, no seu momento, polo movemento de renovación tan forte que supón o liderado de Pedro Sánchez".
"Pero eu non quero, nin podo poñerme outra etiqueta máis aló das que me queiran poñer os compañeiros e compañeiras que militan no partido porque son os auténticos destinatarios deste proceso de democracia interno. Aquí quen etiqueta son os militantes", sentenza.
Dos encontros coa militancia, recoñeceu que hoxe os inicia na provincia de Lugo nunha carreira "de medio-fondo" na que quere "escoitar moitísimo aos militantes".
"Eu as mensaxes que quero transmitir é de absoluta renovación na necesidade de construír unha nova páxina na historia do partido socialista en Galicia, despois da nova páxina que se está abrindo no PSOE e unha máxima apertura do partido á sociedade", di que son as súas cartas de presentación.
GONZALO CABALLERO
Tamén outro aspirante, Gonzalo Caballero, está a visitar aos militantes do PSdeG por toda Galicia. Esta semana estivo en Foz, Viveiro e Guitiriz, e este venres manterá un encontro en Viana do Bolo para explicar o seu proxecto de "renovación" do socialismo galego.
Escribe o teu comentario