Leiceaga descarta un pacto entre candidatos a estas alturas
Di que un acordo neste momento "non tería sentido", aínda que cre que se podería dar máis adiante, así como un posible debate.
"Sempre hai posibilidades de acordo", di Leiceaga.
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, que anunciou a súa intención de presentarse ás primarias para liderar o partido en Galicia, asegurou este luns que nestes momentos do proceso "non tería sentido" barallar un pacto entre candidaturas, á vez que non descartou a posibilidade de participar nun futuro nun debate co resto de candidatos.
En resposta a preguntas dos medios durante unha rolda de prensa en Santiago, Leiceaga admitiu que "ata o momento da votación sempre hai posibilidades de acordo" entre candidatos, dado que os tres son "compañeiros de partido", dialogan e teñen unha relación "persoal cordial", á vez que comparten "un mesmo tronco común de principios políticos", o que "facilita as cousas".
"Pero, sen dúbida, non ten demasiado sentido que, nestes días en que decidimos presentar unha candidatura, esteamos nese escenario", dixo Fernández Leiceaga, que precisou que agora é o momento de dirixirse aos militantes e simpatizantes para "explicar o seu proxecto" e "ver como reaccionan", o que será a "tarefa principal" durante o mes de setembro.
Ao mesmo tempo, preguntado acerca de se se producirán debates entre candidatos, apostou por "non descartar nada neste momento". "O proceso formalmente abrirase en setembro e xa falaremos nese momento", dixo Leiceaga, que non puxo "ningunha dificultade" pola súa banda.
Escribe o teu comentario