Leiceaga anuncia que se presentará ás primarias do PSdeG
O portavoz parlamentario do PSdeG levaba semanas reflexionando sobre se dar o paso. Convértese no terceiro aspirante.
Leiceaga, atendendo á prensa. Foto: PSdeG
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou este sábado a súa intención de concorrer a as primarias do 8 de outubro que elixirán o novo secretario xeral do partido en Galicia.
Leiceaga convértese no terceiro aspirante a liderar o PSdeG, tras os anuncios do vigués Gonzalo Caballero e do deputado autonómico Juan Díaz Villoslada.
Esta mesma mañá, a conta de Twitter que usou durante a pasada campaña electoral autonómica volveu publicar unhas palabras que deixaban pouca marxe á interpretación.
O portavoz socialista no Pazo do Hórreo levaba semanas inmerso nunha reflexión sobre se postularse como candidato. Todo apuntaba a que a súa decisión sería que si, tendo en conta que en días pasados argumentou que para liderar o PSdeG el valora a experiencia parlamentaria e a capacidade de xestionar equipos e dialogar, calidades nas que confía en si mesmo.
"Estiven chamando a algunhas persoas para pedirlles a súa opinión e completarei nos próximos días ou semanas esta reflexión", dixo hai unha semana. Este sábado desvelou a súa intención.
Escribe o teu comentario