Sanidade négalle á Valedora os datos do servizo de citas telefónicas privatizado
A institución avisa de "consecuencias legais". Unha plataforma sanitaria denuncia que esta atención custa dous millóns ao ano e funciona mal.
O servizo de cita telefónica é "custoso e deficiente".
A Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública acusa de "comportamento ilegal" á Consellería de Sanidade pola súa negativa a entregar os informes sobre o servizo de cita telefónica do Sergas que a Valedora do Pobo lle solicitou, e que a plataforma considera deficiente e custoso.
Nun comunicado, Antiprivatización da Sanidade explicou que "tras a denuncia que presentaron ante a Valedora do Pobo" sobre o "deficiente e custoso servizo de atención telefónica do Sergas", xa recibiron dúas respostas nas que o alto comisionado galego lles comunicou que "a consellería non facilita a información requirida".
Neste sentido, a Valedora indicou que "de persistir a actitude non cooperativa" de Sanidade, procederá a informar á administración "das consecuencias legais que esa actitude comporta".
Por iso, esta plataforma denunciou que esta negativa "viola o estipulado polo Valedor do Pobo", un feito que tachan de "grave" porque "mostra un comportamento irrespetuoso cara á cidadanía".
"Cando estamos a vivir certas situacións políticas neste país, nas que vemos como os responsables políticos do actual goberno esixen a outros un comportamento escrupuloso da lei, parece ser que esta obrigación non vai con eles", criticou a organización.
Así pois, concluíu esixindo á Consellería de Sanidade que facilite os informes que pide a Valedora, para así aclarar "con datos o desastroso funcionamento do servizo de cita telefónica, que provoca inconvenientes tanto á cidadanía como aos profesionais e que custa dous millóns de euros anuais".
Escribe o teu comentario