As queixas á Valedora dispáranse, coas cuestións sanitarias á cabeza
Milagres Otero liga este "incremento" á presentación de queixas colectivas e a que a institución se consolida como "instrumento público".
O número de actuacións de atención á cidadanía do Valedor do Pobo aumentou en 2016 nun 62 por cento ata alcanzar a "histórica cifra" de 75.780. Delas, extráese un incremento récord tamén dos expedientes de queixa (64.937) e do número de asuntos investigados (2.356), sendo as políticas das corporacións locais, emprego público e interior e sanidade, os asuntos que máis preocupan aos cidadáns.
Así o recolle o informe da institución relativo ao ano pasado, que presentou este luns, tras entregar unha copia ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a valedora do Pobo, Milagres Otero, quen ligou este "incremento" á presentación de queixas colectivas e tamén a que a institución se consolida como "instrumento público" garante dos dereitos dos galegos.
En total, foron admitidas a trámite o 99,4 por cento das queixas presentadas. Otero destacou a mellora na "axilidade" da tramitación, xa que antes de acabar o ano pasado o 99,8 por cento xa estaban concluídas. Por primeira vez no histórico da institución, máis homes que mulleres recorreron á mesma --un 65 por cento fronte ao 35 por cento feminino--.
A institución promoveu 21 queixas de oficio e emitiu 103 recomendacións aos entes públicos para corrixir os seus actos administrativos.
Das 93 que obtiveron resposta dentro da anualidade, resultaron aceptadas o 84 por cento.
QUEIXAS COLECTIVAS
Desde unha perspectiva xenérica territorial (total de queixas que incumben a todas as administracións), Vigo é o municipio no que se presentaron un maior número de denuncias (50.469), seguida de Santiago de Compostela (11.498) e A Coruña (837).
Nas dúas primeiras localidades prodúcese este elevado número debido a dúas peticións colectivas: a reapertura do Hospital Meixoeiro nos servizos de urxencias e quirófanos no caso de Vigo, e desde Santiago de Compostela, a queixa sobre o traslado dos traballadores do 112 e do 061 da capital galega ao Concello da Estrada.
Escribe o teu comentario