Jozabed pon os goles do Celta no último choque en Inglaterra
O Burnley conseguiu empatar ante os celestes, que o sábado viaxan a Alemaña para continuar a xira
Jozabed, na súa presentación. Foto: RC Celta
O Celta deixará Inglaterra sen unha vitoria, a pesar de deixar unha boa imaxe ante o Burnley nun encontro que terminou en empate con dous goles de Jozabed.
O conxunto local adiantouse no marcador aos trece minutos de xogo por medio de Brady, un tanto que non pesou aos celestes, dominadores do choque practicamente desde o asubío inicial e que enseguida comezou a inquietar a portería do Burnley.
Tras un par de intentos de Aspas e Hjulsager, o andaluz Jozabed Sánchez apareceu no minuto 34 para poñer o empate cun bo gol logrado cun lanzamento certeiro desde a frontal da área.
Non quedou aí a achega goleadora de Jozabed. Apenas catro minutos despois o centrocampista celeste superouse a si mesmo mellorando a súa primeira diana cun golazo por toda a escadra, un tanto que mesmo levantou aplausos entre a afección local.
No segundo tempo a superioridade dos de Unzué continuou crecendo e mellorando as súas sensacións. A pesar diso, o Burnley logrou empatar o resultado.
O Celta pecha o seu último compromiso en Inglaterra cun empate e boas sensacións. O sábado o equipo viaxará a Alemaña para medirse ao Bayer Leverkusen (BayArena, 14:00 CEST).
Escribe o teu comentario