Buscan familias de acollida para adolescentes con problemas de comportamento
Un programa da asociación Arela pretende conseguir un ambiente "socializador e positivo" que lles axude a superar a súa situación.
Buscan un ambiente "socializador e positivo" para os menores.
Un programa posto en marcha pola asociación Arela e a Xunta trata de captar, valorar, formar e facer seguimento de persoas ou familias que estean dispostas a convivir con adolescentes en cumprimento dunha medida xudicial.
Segundo explica a organización nun comunicado de prensa, esta iniciativa, denominada 'Convive.comigo', busca familias e persoas "cunha alta sensibilidade" coa mocidade e que queiran facer unha aposta temporal, nun ambiente "socializador e positivo", por un adolescente con dificultades.
'Convive.comigo' busca modificar as circunstancias que motivaron tal medida xudicial para evitar a reincidencia nos mesmos feitos, comportamentos ou actitudes unha vez regresen coas súas familias.
Os requisitos que as persoas ou familias de acollida deben cumprir inclúen ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade e non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade.
Á súa vez, o programa valora tamén ter formación en ciencias sociais e experiencia previa en programas de acollida. Ademais, Arela ofrece formación de grupo e individual, asesoramento profesional e financiamento durante os meses que o adolescente permaneza na súa casa.
Escribe o teu comentario