Agresións e desfeitas nun centro de menores de Pontevedra por parte de "mozos perigosos"

CCOO explica que estes adolescentes deberían estar nunha unidade especial e non convivindo con menores que padecen probemáticas familiares.


|

Principefelipecentromenores


O secretario comarcal de CC.OO. en Pontevedra, José Ramón Piñeiro, denunciou este martes que a Xunta está a trasladar "mozos perigosos" á Cidade Infantil Príncipe Felipe, o que derivou en agresións tanto entre os propios menores como aos funcionarios da institución dependente da Deputación.


En rolda de prensa, o sindicalista explicou que estes adolescentes conflitivos ou "con trastornos psicolóxicos ou psiquiátricos" terían que estar nunha unidade especial, e non convivindo con menores que padecen diversas problemáticas familiares.


Sen querer facilitar datos concretos, José Ramón Piñeiro asegurou que esta circunstancia xa derivou en agresións físicas, á vez que apuntou que estes adolescentes conflitivos tamén causaron desfeitas nas instalacións.


De feito, referiu que algúns educadores xa presentaron denuncias tras padecer agresións deses menores. En concreto, falou dun profesional que sufriu unha rotura de costelas, doutro a quen lle partiron un brazo e dunha embarazada que solicitou a baixa ante a situación de tensión que se vive no centro.


MENORES CON PROBLEMÁTICAS GRAVES


Este portavoz sindical criticou que a Xunta non atenda os informes técnicos da institución provincial que desaconsellan a presenza destes menores, pois, en numerosas ocasións, están baixo control xudicial ou foron expulsados doutros centros especializados.


Neste sentido, profundou en que algúns son mozos con problemas de consumo de sustancias estupefacientes, implicados en agresións sexuais ou noutros delitos de similar magnitude.


A Cidade Infantil Príncipe Felipe conta con 196 prazas e, delas, a metade está a disposición da Xunta a través dun convenio polo que a Consellería de Política Social achega 130.000 euros dun orzamento total que ascende a 10 millóns de euros.


Á VALEDORA E A FISCALÍA


Non é a primeira vez que Comisións Obreiras denuncia este tipo de problemas, que agora poñerá en coñecemento da valedora do Pobo, Milagros Otero. Ademais ten previsto trasladar estas incidencias á Fiscalía de Menores.


En paralelo, reclamou á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que manteña unha reunión co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, para poñer fin a esta problemática.


Ao seu xuízo, a solución pasa porque a Xunta considere vinculante o informe técnico sobre a admisión ou non de determinados menores cun perfil conflitivo e que se cree unha unidade para albergar a este tipo de nenos. Mentres tanto, ademais, que se forme o persoal educativo do centro Príncipe Felipe para facer fronte a estas situacións.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE