"Desaugues directos ao mar", sen depurar, na Illa de Ons
Lídia Senra denuncia en Europa unha situación que se "arrastra desde fai máis dunha década" en plena zona protexida.
Illa de Ons. Foto: Turismo.gal
A eurodeputada de AGEe Lídia Senra denunciou ante a Comisión Europea que a estación depuradora da Illa de Ons "funciona mal" e que "se seguen producindo desaugues directos ao mar" sen depurar.
Senra presentou esta semana un escrito dirixido á Comisión Europea dando conta desta situación, lembrando que a última mellora da instalación, en 2014, foi financiada nun 80% por fondos Feder.
No seu escrito, Senra explica que a Illa de Ons está situada na área protexida do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas e que está dentro da Rede Natura 2000. O problema coa depuración de augas, apunta a eurodeputada, arrástrase "desde hai máis dunha década", con "varias melloras que son insuficientes".
Ante este panorama, Lídia Senra pediulle á CE que se pronuncie sobre esta cuestión e que se interese ante as autoridades do Goberno central e da Xunta pola solución desta situación.
Escribe o teu comentario