Galicia lembra a Miguel Ángel Blanco e o resto de vítimas de ETA

Centos de persoas apoiaron varias concentracións convocadas por toda a comunidade no vixésimo aniversario do asasinato.


|

VigocaballeromiguelangelblancoConcentración de homenaxe en Vigo.


Centos de galegos lembraron este mércores en diversas concentracións celebradas en varias localidades de Galicia o concelleiro Miguel Ángel Blanco asasinado por ETA hai 20 anos, nas cales se defendeu o "compromiso da liberdade" e se destacou a resposta cidadá fronte ao terrorismo.


En Vigo, unhas 200 persoas concentráronse na rúa do Príncipe, ante o Museo Marco, en resposta á convocatoria do alcalde e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, e tras unha pancarta na que se podía ler 'En recordo de Miguel Ángel Blanco' xunto ao 'logo' do Concello de Vigo.


Antes de gardar tres minutos de silencio, o rexedor olívico leu unha declaración institucional na que xunto ao recordo de Miguel Ángel Blanco, o alcalde olívico tivo tamén palabras de recoñecemento para o resto de vítimas "do terror e a covardía dos asasinos de ETA": policías, gardas civís, militantes de partidos políticos e outros cidadáns anónimos.


Ademais do alcalde e concelleiros de PSOE, PP e Marea de Vigo, na concentración participou o delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves; o ex alcalde Manuel Soto; representantes de entidades empresariais e outros colectivos.


FAMILIA OURENSÁ


En Ourense, representantes dos catro grupos políticos con presenza no Concello (PP, PSOE, Democracia Ourensana e Ourense en Común), a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira, e portavoces da Confederación de Empresarios gardaron un minuto de silencio ás portas da Consistorial.


O acto tamén contou coa participación de traballadores do Concello e veciños que se achegaron de forma desinteresada.


O alcalde ourensán, o popular Jesús Vázquez, reivindicou esta homenaxe a Miguel Ángel Blanco, cuxa familia é orixinaria dos concellos ourensáns da Merca e Xunqueira de Ambía, para "lembrar feitos que non deberan ocorrer nunca".


Vázquez incidiu en que o "non da sociedade ourensá" a este asasinato significa tamén "un nunca máis" e un "recoñecemento por centos de persoas que faleceron a mans de ETA".


MINUTO DE SILENCIO NO PARLAMENTO


En Santiago de Compostela, a segunda xornada do pleno do Parlamento de Galicia, o último ordinario deste período de sesións, arrincou cun minuto de silencio en memoria de Miguel Ángel Blanco e de "todas as vítimas da barbarie terrorista".


Tamén na capital galega se convocou un minuto de silencio na Praza do Obradoiro, fronte ao Concello compostelán, segundo as indicacións da FEMP, con motivo do vixésimo aniversario do asasinato de Miguel Ángel Blanco.


"NOVA CONCIENCIA"


Mentres, en Lugo secundou a convocatoria fronte ao Concello practicamente toda a corporación municipal de Lugo, xunto ao subdelegado na provincia, Ramón Carballo; o presidente da Audiencia Provincial, José Antonio Varela Agrelo; así como mandos policiais e representantes doutras institucións.


A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, apelou ao "compromiso da liberdade fronte aos fanáticos da identidade que durante anos causaron centos de vítimas". "Naceu unha nova conciencia ante o terrorismo, o 'espírito de Ermua', que asentou as bases dunha mellor e máis eficaz política anti terroista. Naceu unha nova conciencia a favor das vítimas do terrorismo", subliñou.

relacionada ETA evita falar de disolución no seu primeiro comunicado tras o desarme
relacionada O 20 aniversario do asesintato de Miguel Ángel Blanco enfronta os partidos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE