A folga do transporte, ás portas de entrar nun "canellón sen saída"
O presidente da CEG augura efectos "moi importantes" na economía se se fai indefinida a partir deste próximo xoves.
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antón Arias, considera que, a día de hoxe, é "difícil" unha solución para o conflito do transporte de viaxeiros por estrada, do que dixo que está "bastante enconado".
Nunha entrevista en Radio Galega, con todo, Arias expresou a súa esperanza por que nas negociacións entre as partes se consiga achegar posturas e apostou por facer un "esforzo realmente importante" nesta semana.
"Eu espero que isto non entre nun canellón sen saída e que entre todos sexamos capaces de atopar unha solución", afirmou Arias, quen, con todo, admitiu que "é certo que queda moi pouquiño tempo porque hai un anuncio de folga indefinida para a semana que entra e quedan poucos días de negociación".
"Haberá que facer un esforzo realmente importante", sinalou, xa que sostén que, a día de hoxe, "é difícil albiscar unha solución". "Se isto vai adquirir un carácter indefinido os efectos van ser moi importantes no conxunto da economía galega", augurou.
E é que Xunta, sindicatos e patronal do transporte de pasaxeiros afrontan a partir deste luns unha semana crave nas súas negociacións para evitar a folga indefinida no sector, convocada a partir do xoves, día 13.
Os últimos días estiveron marcados por tímidos avances e retrocesos nun conflito que provocou xa seis xornadas de folga e no que as tres partes implicadas non lograron pechar aínda acordos.
O aspecto máis avanzado é o relacionado coas cláusulas sociais entre Xunta e traballadores, despois de que este venres os sindicatos e a Administración galega chegasen a un principio de acordo nesta materia.
En contraposición, as federacións maioritarias no sector, Transgacar, Fegabús e Anetra, deron este xoves por "rotas" as negociacións, despois de que, na súa opinión, a conselleira os convocase para trasladarlles unha "política de feitos consumados", tras aprobar o Consello da Xunta o inicio da licitación das novas concesións.
Os empresarios, que culparon á Xunta de favorecer o conflito, criticaron que Ethel Vázquez estea "totalmente entregada" a un proxecto que rexeitan e non atenda ás súas reclamacións e ás súas propostas. Aínda que a Xunta apuntou que "a porta está aberta" para seguir o diálogo, neste punto é onde as posicións están máis afastadas.
Escribe o teu comentario