O Depor presenta as novas camisetas para a tempada 2017-18
Mar, Faro e Porto son os nomes das camisetas, máis mariñas que nunca, tal e como di o lema da presentación: "Somos xente mariñeira".
As camisetas da próxima tempada - vía @RCDeportivo
O Deportivo da Coruña presentou as novas camisetas para a tempada entrante no Aquarium Finisterrae coruñés. A campaña leva o lema "somos xente mariñeira" e, por iso, nin sequera a néboa, que tapou o faro da Torre de Hércules, impediu a celebración.
Estaba pensado que a luz da Torre iluminase o acto cunha luz azul, pero as condicións meteorolóxicas impedírono.
A marca Macron fornecerá as camisetas, a primeira, Mar, branquiazul, coma sempre. A segunda coa bandeira galega, a cal foi denominada Porto. A camiseta alternativa chámase Faro, en honra á Torre de Hércules, e é de cor negra.
"Luciremos con orgullo, a Torre, as cores de Galicia e o mar. Convidámosvos a navegar connosco porque somos xente mariñeira e con iso non hai quen poida", indicou o presidente do Dépor, Tino Fernández.
Escribe o teu comentario