Anxo Louzao di adeus á dirección de CIG-Ensino tras 16 anos no cargo
Aínda que o prazo non termina ata 48 horas antes do inicio do conclave, hai unha única candidatura presentada, encabezada por Xesús Bermello.
A CIG-Ensino celebrará a súa VII Congreso este sábado día 17 de xuño na facultade de Ciencias Políticas en Santiago de Compostela, baixo o lema 'Profesorado valorado nunha educación pública e galega'.
Un conclave no que está prevista a renovación do 40% da súa executiva --incluído o secretario nacional, Anxo Louzao, que deixa a dirección da federación tras 16 anos-- e no que se definirán as liñas de actuación para o próximos catro anos.
Non renovarán na próxima executiva o 40% dos seus membros, incluídos Marta Dacosta, Duarte Correa, Xosé Lois Rivera, Paula Bergantiños e o propio Louzao.
Louzao adiantou que, polo momento, e aínda que o prazo non termina ata 48 horas antes do inicio das sesións congresuais, hai unha única candidatura presentada, encabezada por Xesús Bermello.
CONGRESO
O VII Congreso da CIG-Ensino comezará a sesión ás 10,30 horas e o acto de clausura está previsto para as 16,30 horas. Ao longo de toda esa xornada, 200 delegados debaterán o informe da executiva saínte, no que se recolle o traballo desenvolvido neste últimos catro anos; o relatorio de acción sindical, na que se debullan os obxectivos da federación para o próximo período e as modificacións estatutarias.
Ademais, haberá un relatorio de acción sindical na que se recollen as liñas básicas de actuación para o próximos catro anos.
Un período no que se prestará "especial atención" á restitución dos dereitos laborais e sociais do profesorado e a conseguir unha redución das cocientes con máis profesorado nos centros para atender a diversidade e o alumnado con necesidades educativas especiais.
Isto xunto co compromiso de seguir coa "mobilización e o combate permanente" ata conseguir a derrogación da LOMCE e unha lei galega de educación da que xa se fixan "os alicerces" na iniciativa lexislativa popular (ILP) que foi debatida no Parlamento e rexeitada pola maioría do PP.
Louzao sinalou que no relatorio tamén se defende a necesidade dun modelo de inmersión lingüística que permita conseguir que o galego sexa lingua vehicular no ensino, un estatuto galego do profesorado, defensa dun novo marco político e educativo galego e a democratización e desburocratización dos centros.
"Retos, todos estes, que xunto co de continuar incrementando a representatividade da CIG, obrigarán a manter un traballo permanente", apunta a central.
Escribe o teu comentario