Lendoiro critica a pouca solidariedade dos grandes clubs españois cos pequenos
Reprocha que tras "o maná televisivo" sigan mirando para outro lado ante a "inminente desaparición de equipos que son historia viva" do fútbol.
Augusto César Lendoiro, o ex presidente do Deportivo, escribiu un duro comunicado contra a pouca solidariedade dos grandes clubs de fútbol profesional ante a "inminente desaparición de equipos que son historia viva".
O ex mandatario deportivista reprocha falta de "sentimento" ás entidades que se sitúan na "elite da mellor competición do mundo". Lendoiro cita expresamente a equipos "que se debaten entre a vida e a morte", como "históricos que fundaron A liga -caso do R. Murcia, Hércules, Racing, Elxe- ou en Segunda División, supostos do Mallorca, Recreativo, etc". "A vida para uns depende dun difícil ascenso a Segunda e para outros, dun milagre", analiza.
"Todos eles escribiron páxinas importantes do balompé hispano e, a pesar diso, están sós", afea. Segundo a análise de Lendoiro, as situacións destes equipos son "case sempre polas súas débedas con Facenda, inasumibles para eles, pero de pouca importancia para garantila a patronal e os grandes equipos que se beneficiaron enormemente daquel Plan de Saneamento que se pagou a escote por todos os integrantes entón da LNFP".
Así, continúa argumentando que "non parece lóxico que, cando o sector do fútbol profesional, despois do maná televisivo, nada na abundancia, mire para outro lado cando ve inminente a desaparición de clubs que son historia viva do máis que centenario fútbol español".
Lendoiro conclúe que "agora son os grandes os que teñen que saír a salvar aos pequenos que están en perigo de morte".
Escribe o teu comentario