A maioría absoluta do PP bloquea unha comisión sobre os contratos con Villar Mir
En Marea, PSOE e BNG reclamaban exercer "control" para despexar "unha dúbida razoable" sobre as súas relacións co sector público galego.
Toda a oposición no Parlamento galego, incluído o PSdeG, pediu no pleno a creación dunha comisión de investigación sobre as autorizacións, contratos, concesións e "en xeral todas as relacións" do grupo Villar Mir co sector público galego. O PPdeG, por contra, rexeitou esta solicitude, que desta forma non saíu adiante.
A solicitude partía de BNG e En Marea e na súa intervención, a portavoz parlamentaria do Bloque, Ana Pontón, en primeiro lugar, defendeu a necesidade desta comisión para exercer "control" ao Goberno e por dilucidar se da 'Operación Lezo' se derivan irregularidades tamén en Galicia. Unha investigación na Cámara autonómica "só lle pode molestar a quen teña algo que ocultar", avisou a nacionalista.
Mentres, o portavoz do partido instrumental, Luís Villares, alertou de que existe "unha dúbida razoable" e apuntou tamén ao suposto financiamento irregular do Partido Popular. Ante iso, avogou pola constitución da comisión para "comprobar os datos" e "verificar" se esas sospeitas son certas.
Pola súa banda, o socialista Juan Manuel Díaz Villoslada explicou que o seu grupo "non se vai opoñer" a esta iniciativa pero demandou, por unha banda, "máis rigor" aos propoñentes "á hora de formular comisións" e sumarse á "necesaria rexeneración democrática" aos populares.
Hai tan só sete días, Xoaquín Fernández Leiceaga rexeitou estender "un manto de sospeita sobre calquera tipo de actividade empresarial" e falou de "fabulacións", aínda que defendeu comprobar se hai algún "indicio" que avalase a investigación.
Precisamente, a popular Paula Prado lembrou na súa quenda palabras de Leicega das últimas semanas, para afirmar que o grupo maioritario "concorda" co PSOE en que esta reclamación responde a "unha pura posición propagandística dos nacionalistas" e ao "populismo fácil".
Fronte ao "populismo barato", opinou que a "única forma de dignificar a política é actuando con contundencia contra os corruptos", polo que apostou por "que a xustiza chegue ao final" e mostrouse contraria á realización de "xuízos paralelos".
Este debate prodúcese no marco do intento de Ferroatlántica (do grupo Villar Mir) de segregar as dúas principais actividades que desenvolve na Costa da Morte, a produción de enerxía eléctrica e a de ferroaleación, para vender as centrais hidráulicas dos ríos Xallas e Grande.
A petición de BNG e En Marea apoiada polos socialistas pretendía, de feito, facer un seguimento desta operación, pendente da resposta da Xunta á solicitude da empresa.
Escribe o teu comentario