O PSdeG tilda o novo mapa de transporte da Xunta de "irracional" e "improvisado"
Raúl Fernández di que o Goberno galego ofrece "gato por lebre" ao presentar un plan que resulta "mero voluntarismo".
O voceiro de Territorio do Grupo Socialista, Raúl Fernández, criticou o plan de transporte de viaxeiros presentado pola Xunta e elaborado, denunciou, "sen ter en conta aos concellos nin as necesidades dos usuarios".
Ao tempo, nun comunicado, avanzou unha serie de iniciativas parlamentarias para levar á Cámara o debate sobre "un plan improvisado" que demostra "a incompetencia manifesta" da Xunta.
O responsable socialista sinalou que o plan resulta "absolutamente irracional" ao ignorar "a participación dos axentes que coñecen as necesidades reais do transporte".
"Ningún concello sabe a día de hoxe que quere facer a Consellería no municipio nin como quere ordenar a mobilidade", reflexionou, antes de criticar o "absoluto abandono do transporte de viaxeiros, que culminou "coa previsible sentenza do Tribunal Supremo declarando ilegal a prórroga das concesións por dez anos aprobada polo PP en 2010".
Segundo Raúl Fernández, o Goberno galego ofrece "gato por lebre" ao presentar un plan que resulta "mero voluntarismo" cando "tiña anunciada unha lei de mobilidade", e que sitúa "na incerteza" aos usuarios, aos concellos, ao sector e ás 5.000 familias que dependen do transporte de viaxeiros.
Escribe o teu comentario