Máis de 180 vítimas de violencia machista necesitan protección en Galicia
A Policía autonómica ten 13 axentes dedicados en exclusiva a atender as mulleres que se atopan nesta situación.
A Policía autonómica ten asignada actualmente a protección e vixilancia na comunidade de 185 mulleres vítimas de violencia machista, segundo cifras concretadas polo vicepresidente da Xunta.
Alfonso Rueda contestou a unha pregunta da deputada popular Paula Prado, na que sinala, ademais, que no que vai de ano realizáronse outro tipo de actuacións como 17 detencións por delitos de violencia machista, e a realización de máis de 12.500 contravixilancias na contorna da vítima ou do agresor.
Tamén se realizaron 504 informes de valoración do risco da vítima e levaron a cabo 167 colaboracións (acompañamentos aos xulgados e hospitais, entre outras).
Na actualidade, as unidades de prevención, asistencia e protección ás vítimas de violencia machista da Policía autonómica suman 13 axentes dedicados en exclusiva a atender as mulleres que se atopan nesta situación, aos que se suma o apoio doutros 66 que prestan servizo a quendas as 24 horas do día e todo o ano.
Prado criticou que a oposición pretenda dar a entender que o Goberno que dirixe Feijóo "non fai nada" fronte á violencia machista. "Non se pode ser irresponsables", reflexionou, antes de apelar a deixar de lado calquera "interese partidista" neste asunto.
Escribe o teu comentario