Case 5.700 mulleres denunciaron violencia machista o ano pasado en Galicia
Son case 500 máis que en 2015. O número de ordes de protección solicitadas rozou as 1.700 e as adxudicadas superaron as 1.100.
Ao longo do ano 2016, un total de 5.683 mulleres denunciaron ser vítimas da violencia machista en Galicia, o que supón un catro por cento máis que as 5.210 do exercicio anterior.
Por provincias, a maior parte (2.210) rexistráronse en Pontevedra, por 2.193 na Coruña. Por detrás, en Lugo foron 691 e en Ourense, 589.
En paralelo ao aumento das denuncias, o informe anual sobre violencia de xénero en Galicia que este mércores presentou á Cámara a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, recolle tamén que 314 mulleres (un 6% do total) renunciaron a continuar o proceso xudicial. A nivel estatal, esta porcentaxe elévase ata o 12 por cento.
Tras remarcar que ningunha das tres mulleres asasinadas na nosa comunidade en 2016 a mans das súas parellas ou ex parellas presentara denuncia, deu conta de que a Xunta se persoou nun deses casos (no de Santiago non procede, porque o asasino suicidouse; e no de Becerreá, a familia non o autorizou) e que actualmente está presente en 13 xuízos.
MEDIDAS DE PROTECCIÓN
Ademais, entre os datos que facilitou o alto cargo do Goberno galego na súa comparecencia parlamentaria está que o número de ordes de protección solicitadas en Galicia en 2016 alcanzou as 1.693 e que as adxudicadas foron 1.134 (un 8% máis que en 2015).
En concreto, A Coruña foi a provincia na que máis ordes de protección se demandaron, 614; seguida de Pontevedra, con 501; Ourense, con 362; e Lugo, con 216.
Tamén aumentaron en sete unidades (ata 29) os dispositivos de alarma concedidos, do mesmo xeito que as altas no programa de atención telefónica Atenpro e no sistema de seguimento Viogén.
INICIATIVAS DA XUNTA
Unha vez expostos os datos, López Abella repasou as distintas medidas do Executivo autonómico para loitar contra a violencia de xénero, con diferentes campañas e programas de sensibilización, concienciación e formación. Así mesmo, puxo o foco en a atención aos máis novos ante o repunte do machismo e nos cursos orientados a profesionais de atención ás vítimas (no ámbito da saúde, do dereito e dos corpos de seguridade).
Tamén citou o combate contra a publicidade sexista (con 39 denuncias desde 2014) e os programas de inserción laboral das vítimas, polos cales o pasado ano accederon a un contrato de traballo 32 mulleres, sete máis que en 2015.
Finalmente, apuntou que o 'salario da liberdade' ten 324 perceptoras, das que o 82 por cento son españolas, maioritariamente teñen entre 36 e 45 anos e case o 60 por cento ten fillos. Así mesmo, 32 delas conta con algunha discapacidade recoñecida.
VISIÓN DOS GRUPOS
Expostas as principais cifras do informe, tomaron a palabra as portavoces dos grupos parlamentarios e, mentres a oposición achegou propostas para seguir avanzando na loita contra a violencia de xénero, a representante do PP no debate, Marián García Míguez, eloxiou o labor da Xunta na materia e cargou contra o resto de forzas.
Con todo, nin Olalla Rodil (BNG) nin Paula Quinteiro (En Marea) nin María Pierres (PSdeG) dedicaron demasiada parte do seu tempo a confrontar con ela, a pesar de lanzarlle algún reproche, e preferiron interesarse por outras cuestións.
Por exemplo, a nacionalista reclamou reforzos de persoal nos xulgados específicos de violencia de xénero na Coruña e Vigo, así como no Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), á vez que criticou os concertos económicos con colexios que segregan os seus alumnos por sexo.
Pola súa banda, a socialista lamentou que o informe detalle "as mulleres mortas" por violencia de xénero, pois foron "asasinadas"; e pediu tamén que en futuros estudos se desagreguen as motivacións das mulleres que acoden a denunciar, para así poder ofrecerlles máis apoio.
Finalmente, a parlamentaria da formación ruturista evidenciou as "contradicións" entre os discursos e a acción política da Xunta. Así, reprobou os concertos con centros educativos que segregan por sexo e tamén a "non retirada dos colexios dos panfletos de Hazte Oír", a pesar das campañas en favor da tolerancia coa diversidade sexual.
DESCULPAS E ALCALDES
Na súa quenda de peche do debate, López Abella desculpouse pola nomenclatura empregada no informe sobre "mulleres mortas" e avogou por modificala no futuro.
Tamén concordou con acometer melloras nas dependencias e con reforzar o persoal dos xulgados específicos, pero non se pronunciou sobre os panfletos de Hazte Oír nin sobre a norma que permite financiar a colexios que segregan por sexo.
Por último, criticou a decisión do alcalde de Ponteceso, o socialista Lois García Carballido, de "pechar" o centro de información da muller (CIM), polo que pediu ás deputadas do PSdeG presentes que o "fagan recapacitar". "E vostedes ao de Noia!", responderon desde os seus asentos.
Escribe o teu comentario