A poxa do edificio Xeral Cíes quedou deserta e adxudicarase de forma directa

A Seguridade Social púxolle un prezo duns 3.500.000 euros. En Marea demanda á Xunta que aproveite esta "nova posibilidade" para "cubrir a demanda sanitaria" de Vigo.


|

Ciesvigo


A deputada de En Marea Eva Solla animou o Goberno galego a "non deixar pasar esta nova oportunidade de recuperar patrimonio público para uso sanitario" despois de que quedase deserta esta pasada semana a poxa do edificio Xeral Cíes.


E é que esta semana se coñecía a noticia de que a poxa do edificio Xeral Cíes, que tivo lugar o pasado 15 de maio polo prezo de 3.552.500 euros, quedou baleira.


Ante esta situación, relatou En Marea nun comunicado, ábrese un prazo non superior a un ano no que a Tesourería da Seguridade Social, como propietaria do edificio, poderá adxudicar de maneira directa o mesmo.


Neste contexto, o grupo de En Marea rexistrou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para que a Xunta realice as "xestións necesarias" para "usar ou adquirir" este edificio para "cubrir as demandas sanitarias ou sociosanitarias da zona", garantindo así "o carácter e a xestión pública".


A deputada de En Marea denunciou en diversas ocasións que a devolución do edificio por parte da Xunta á Tesourería da Seguridade Social "supuxo unha perda máis na área sanitaria de Vigo de patrimonio público para uso sanitario", o que impide levar a cabo, argumentou, proxectos de mellora da área sanitaria, como o Centro de Alta Resolución no ámbito da atención hospitalaria.


"Tendo en conta que a poxa quedou baleira, o Goberno galego ten unha nova posibilidade para solicitar unha cesión ou adquirir o edificio, mantendo un uso público, sanitario ou sociosanitario, co que atender as demandas da zona", destacou Eva Solla.


Por todo isto, e esperando que a Xunta de Galicia "non deixe escapar esta nova oportunidade", o grupo de En Marea rexistrou unha proposición non de Lei na que se propón que o Parlamento de Galicia inste á Xunta a "realizar as xestións necesarias para poder usar ou adquirir o edificio Xeral Cíes, destinando o mesmo a cubrir as demandas sanitarias ou sociosanitarias da zona, garantindo o carácter e a xestión pública".

relacionada A Seguridade Social poxa un antigo policlínico de Vigo que o Sergas devolveu

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE