Reabre o aeroporto de Santiago con novos voos a Nova York, Marrakech, Cork ou Ámsterdam
Tras 35 días de obras a terminal compostela volverá estar operativa estreando novas rutas.
Santiago de Compostela recuperou este xoves o seu aeroporto. O Rosalía de Castro volve estar operativo tras 35 días de peche por obas para renovar a pista da principal terminal de pasaxeiros de Galicia, que tras botar a persiana durante máis dun mes estreará novas conexións con Lavacolla durante os meses de verán e outono.
REAPERTURA
"É un fito para o aeroporto, un fito para Santiago e un fito para Galicia", declarou, na reapertura, o director do aeródromo, Marcos Díaz. Foi á chegada do primeiro voo de United Airlines á capital galega, que contará desde hoxe con voos a Newark, unha conexión moi demandada tanto pola cidadanía como polos galegos na diáspora e o tecido económico, lembrando que se trata dunha ponte á "capital financeira de Estados Unidos".
Así, o voo transoceánico resulta "un éxito para o aeroporto, para a compañía e para toda Galicia", pois abre a porta a "incrementar as posibilidades de conexión internacional" do aeroporto, e colocalo "no mapa de rutas dunha compañía de primeiro nivel". Isto só sería posible, aseguran desde o aeroporto, se tiñan lugar as obras "necesarias para seguir operando nas mesmas condicións de seguridade". As mesmas terminaron sen incidentes e no prazo acordado.
No acto de recepción do primeiro voo estadounidense estiveron presentes tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín. O tres destacaron asuntos como o traballo que realizaron os aeroportos da Coruña e Vigo durante estes máis de 30 días, a aposta da aerolínea por Galicia, as novas oportunidades económicas de promoción turística e o debate sobre a coordinación aeroportuaria que sobrevoa constantemente a comunidade galega.
NOVAS RUTAS
A de Nova York, con tres frecuencias semanais, non é, no entanto, a única estrea na cidade galega, pois o aeródromo compostelán reabre con 17 rutas internacionais e con incorporacións que poderán levar aos viaxeiros até Marrocos, Irlanda ou Países Baixos.
Así, entre as novidades destacadas están os voos a Cork, a Marrakech ou Ámsterdan, tres destinos moi demandados nos últimos anos e que multiplican o atractivo da capital galega. Ao tempo, destinos como Londres, París, Bruxelas, Dublín, Frankfurt, Ginerbra, Basilea ou Zúric seguen formando parte da oferta do Rosalía de Castro.
Doutra banda, este ano tamén se estrean voos de tempada a Xerez e Eivissa, ademais de manter outras rutas como Tenerife, As Palmas ou Mallorca.
Escribe o teu comentario