Atopan o bolso da desaparecida en Ourense no cemiterio das Caldas
No interior do bolso atopábanse o seu DNI, tarxetas de crédito, as chaves de casa e varios resguardos.
A Policía Nacional vén de confirmar a aparición do bolso da ourensá Belén R.E., de 57 anos, que permanece desaparecida desde o pasado 7 de abril en circunstancias "inquietantes", tras téreselle relacionado coa seita Ramtha.
O bolso foi identificado en obxectos perdidos, onde chegara tras ser localizado por unha muller na fonte que hai no interior do cemiterio das Caldas, moi preto da estación de autobuses onde foi vista por un grupo de mozos en estado de alleamento.
Fontes da investigación sinalaron que o achado se produciu sobre as 14,00 horas do día 8 de abril cando unha muller o atopou na fonte que hai no interior do cemiterio das Caldas e llo deu ao vixiante. O home levou o bolso a obxectos perdidos, onde estivo ata que o recibiu a Policía, o 10 de maio.
No interior do bolso atopábanse o DNI da muller desaparecida, tarxetas de crédito, as chaves de casa e varios resgardos.
COLABORACIÓN CIDADÁ
Por parte da Policía considérase que tivo que haber unha persoa que atopou o bolso e o colocou xunto á fonte. O operativo de procura de Belén R.E. tenta atopar a esa persoa coa intención de situar o punto exacto onde puido achar o bolso antes de levalo ata o cemiterio.
Con este motivo facilitará unha imaxe do bolso aos medios de comunicación e pide a colaboración cidadá para tentar situalo na zona. Preto do cemiterio das Caldas atópanse a estación de autobuses, un dos últimos sitios onde foi vista, e o Río Miño, que xa foi peiteado por un helicóptero e unha lancha.
DESAPARICIÓN
Belén R.E. desapareceu do seu domicilio o 7 de abril, despois de ir a comer coa súa nai no domicilio desta en cálea Cardenal Quiroga, no centro da cidade.
Equipos de Protección Civil, Garda Civil e Policía de Montaña colaboraron na procura da muller desaparecida, tanto na capital como na zona de Trives onde posuía un local de turismo rural.
Escribe o teu comentario