A desaparecida en Ourense levaba días sen comer porque podería ser "a súa perdición"
Villanueva confirma que se investiga a pertenza de María Belén R.E. a unha seita, concretamente a congregación Ramtha.
O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, confirmou este martes que a Policía Nacional investiga a posible pertenza a unha seita de María Belén R.E., a muller desaparecida o pasado 7 de abril en Ourense.
"Está a estudarse esa posibilidade, se pertencía a algún tipo de organización que se pode chamar seita, para ver se está condicionada a súa desaparición", respondeu Villanueva ás preguntas dos xornalistas durante unha comparecencia de prensa na Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Sobre esta hipótese o delegado do Goberno en Galicia sinalou que "se está falando coa familia e cos seus achegados". Poucos días antes da súa desaparición esta muller participou nun curso da congregación Ramtha do que se publicaron fotos en Facebook. A desaparecida, de 57 anos, comentara que non comía desde facía catro días porque iso podería ser a súa "perdición".
Santiago Villanueva tamén informou de que este luns pola tarde "xa se realizaron distintas procuras no río que van continuar hoxe (martes) pola mañá con medios aéreos, medios na propia auga e unidades caninas que se poderán completar con elementos do grupo de actividades subacuáticas da Garda Civil".
RASTREOS
Ademais, o delegado engadiu que este martes "vai despregar o helicóptero para facer unha primeira pasada desde o aire por toda a canle do Miño", que, segundo as testemuñas, "é a última zona onde se viu a esta persoa nunha situación de alleamento aparente", lembrou Villanueva.
"Previamente non tiña ningún tipo de problema que se soubese, e a partir desa declaración de testemuñas que a viron nunha situación complicada e ao redor desa zona, a partir dese momento iniciouse a procura", comentou o delegado.
Polo momento non hai ningunha novidade e o delegado do Goberno resaltou que continúa a actividade da Policía Nacional en colaboración con outros corpos para tratar de resolver esta desaparición "da mellor maneira posible".
Escribe o teu comentario