Un helicóptero, unha lancha e patrullas caninas súmanse á procura da ourensá desaparecida
Ademais do operativo na cidade do Miño, hai patrullas que rastrexan a zona de Trives onde a muller tiña unha casa de turismo rural.
A procura da ourensá Belén R.E., de 57 anos, desaparecida desde o pasado 7 de abril, ampliarase a partir deste martes coa presenza dun helicóptero e unha lancha para peitear o Río Miño, preto da estación de autobuses onde foi vista por última vez.
Fontes policiais confirmaron que esta dotación sumarase aos dispositivos de procura iniciados o pasado venres por equipos de Protección Civil, Garda Civil e Policía de Montaña.
Ás 12,00 horas está previsto intensificar a procura nas marxes do Río Miño. Mentres, o rastrexo na cidade céntrase nas ribeiras do río, en Cudeiro e en Oira, ao estar situados preto da Estación de Autobuses.
Segundo fontes da investigación, este é o sitio no que foi vista por última vez a muller por un grupo de mozos que a describiron como "en estado de alleamento".
A procura en terra estará reforzada coa presenza de cans policía, a cargo de guías caninos chegados desde Madrid e que son especialistas en seguir o rastro no vento e na procura de cadáveres.
Ademais deste operativo na capital tamén hai patrullas da Garda Civil e de Protección Civil que buscan a Belén R.E. na zona de Trives (oriente de Ourense) onde a muller tiña unha casa de turismo rural.
Os operativos de procura da muller desaparecida puxéronse en marcha o pasado venres na zona próxima ao Río Miño, sen que ata o momento se producise ningún resultado.
HIPÓTESE
A Policía Nacional non descarta ningunha hipótese e baralla desde que se foi de forma voluntaria, que teña unha depresión, sufrise un un accidente ou unha agresión.
Persoas da contorna de Belén R.E. confirmaron aos investigadores que a muller mantiña vínculos con grupos que predicían o fin do mundo, aínda que non eran de carácter destrutivo.
DESAPARICIÓN
Belén R.E. desapareceu do seu domicilio o 7 de abril, despois de ir a comer coa súa nai no domicilio desta na rúa Cardenal Quiroga, no centro da cidade.
Desde entón a muller non pasou polo seu negocio de turismo rural nin mantivo contacto con ningún coñecido. O seu irmán presentou o mércores denuncia no Cuartel da Policía Nacional.
Escribe o teu comentario