A oposición rexistra un borrador de lei galega de identidade de xénero

Piden ao PPdeG que apoie a norma para garantir "dereitos básicos de calquera cidadán" ás persoas transexuais. 


|


LGTB

En Marea, PSdeG e BNG rexistraron este venres no Parlamento de Galicia un borrador para elaborar unha futura lei galega de identidade de xénero, unha norma que colectivos piden ao Partido Popular de Galicia que apoie para "outorgar dereitos básicos de calquera cidadán" ás persoas transexuais.


En declaracións aos medios, a presidenta da Asociación de Familias de Menores Transexuais (Arelas), Cristina Palacios, emprazou aos populares galegos a "tomar partido" e situarse "á beira das campañas e das mensaxes de odio" promulgados por Hazte Oír ou "á beira do colectivo e dunha lei que buscar outorgar estes dereitos básicos que as familias do colectivo trans non teñen".


E é que, segundo indicou, o PP defende que o colectivo "xa ten unha lei", a de 2014 de non discriminación do colectivo LGTBI. "Esa é unha lei que loita contra a discriminación, non outorga dereitos básicos do día a día", explicou para citar, entre outras cuestións, o "dereito a unha sanidade pública e tratamentos para todo o mundo" ou "a ter unha documentación identificativa que recolla a identidade".


Por iso, incidiu na "necesidade" de garantir estas cuestións ás persoas transexuais de Galicia e mostrouse convencida de que a norma "sairá adiante" e de que "todo o Parlamento galego estará á altura das circunstancias".


GRUPOS POLÍTICOS


Tras as palabras pronunciadas por Cristina Palacios, a deputada do BNG Olalla Rodil lembrou que, na actualidade, a diversidade das identidades de xénero "non está recoñecida legalmente" e considerou que o Parlamento galego "debe ser sensible a esta realidade" polo que avanzou que defenderá a norma rexistrada este venres.


Na súa opinión, resulta "un paradoxo" blindar a non discriminación das persoas transexuais e "non lexislar o seu recoñecemento". "Estamos a avanzar cara a unha Galicia máis solidaria, equitativa e xusta, unha Galicia que se opón frontalmente aos discursos de odio e discriminación", sinalou.


Pola súa banda, a portavoz de LGTBI do Grupo Socialista, Noela Branco, instou ao PP para "baixar do autobús de Hazte Oír" para apoiar este proxecto de lei galega de identidade de xénero.


Neste sentido, lamentou que a mentalidade do PP "siga pechada no autobús" da organización ultraconservadora que estes días percorre Galicia. "Terán que demostrar se están a favor ou en contra dos dereitos das persoas que gobernan", manifestou.


Por último, o deputado de En Marea Marcos Cal criticou tamén que o Partido Popular "ata agora situouse ao lado das mensaxes homofóbicas e transfóbicas". Con todo, considerou que "agora ten unha oportunidade" para rectificar e "poñerse ao lado da xustiza, dos colectivos e da loita contra a discriminación por cuestión de xénero".

relacionada Vigo sae á rúa contra a persecución do colectivo LGTB en Chechenia
relacionada Asociacións LGTBI convocan en Santiago unha manifestación polo "dereito a ser e a existir"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE