Asociacións LGTBI convocan en Santiago unha manifestación polo "dereito a ser e a existir"
'Que non te enganen, a diversidade existe' é o lema da marcha que alerta contra un incremento de "agresións, insultos" e odio contra persoas transexuais.
As asociacións Ultreia LGTBI, Arelas e Amizando convocan para este sábado en Santiago de Compostela unha manifestación en defensa do "dereito a ser e a existir" dos integrantes do colectivo transexual.
A protesta, que sairá da Praza do Obradoiro ata a Praza do Toural ás 19,00 horas, arrinca baixo o lema 'Que non te enganen, a diversidade existe. Polo dereito a ser e a existir', en referencia ao slogan do polémico autobús da asociación Hazte Oír.
Nun comunicado, as entidades convocantes alertaron sobre o incremento de agresións e insultos que está a sufrir nas últimas semanas o colectivo de persoas transexuais "debido ás campañas que incitan ao odio e á LGTBIfobia".
"O colectivo LGTBI non somos un lobby, non adoutrinamos, non respondemos a ningunha ideoloxía, traballamos para conseguir dereitos fundamentais, traballamos pola igualdade de oportunidades e a equidade social", explicaron, á vez que volveron reclamar unha Lei Galega de Identidade de Xénero.
Escribe o teu comentario