Celso Borges: "Por orgullo colectivo gustaríame pechalo gañando o domingo"
O costarriqueño quere apartarse de cálculos e quinielas conseguindo unha vitoria que asegure canto antes a permanencia ao Dépor.
A pesar de que Juanfran manifestou que lle gustaría que o Dépor xogase este domingo contra o Espanyol matematicamente salvado, non é o sentir unánime do vestiario. Así o manifestou este venres Celso Borgues, que defendeu que "por unha cuestión de orgullo colectivo gustaríame pechalo gañando o domingo". E insistiu en que "a min o que me gusta é a sensación de gañar un partido".
O costarriqueño recoñece que o cadro deportivista vive unha situación de "frustración" por desaproveitar boas oportunidades para asegurarse un ano máis en Primeira. Pero rexeita que as derrotas se atribúan á falta de intensidade. "Non creo que falte ambición nin ganas de facer as cousas ben, está na nosa ética como futbolistas, pero cando non se conseguen os resultados búscanse razóns", defende.
Á afección espera "poder darlle unha alegría" canto antes e di entender as queixas: "Hai que aprender a convivir coa crítica e saber escoitar, é parte do noso traballo e é unha opinión que merece ser respectada", asume.
Escribe o teu comentario