O autobús transfóbico de Hazte Oír fai unha parada en Galicia

A plataforma paseouno por Santiago e tiña a intención de plantalo no Obradoiro, pero non tiñan permiso.


|

HazteoirhorreoO bus, parado preto do Parlamento.


A plataforma 'Hazte Oír' paseou este xoves o seu polémico autobús polas rúas de Santiago de Compostela, onde representantes da asociación rexistraron escritos nas sedes do Parlamento galego e o concello para reclamar "a fin do adoutrinamento sexual nas aulas".


A intención da plataforma era que o autobús chegase ata a Praza do Obradoiro, para o que é preciso pedir permiso ao goberno local xa que se trata dun espazo limitado ao acceso de vehículos. Tanto o permiso para acceder á praza como para parar fronte ao Parlamento de Galicia foron denegadas polo Concello de Santiago, segundo publicou o consistorio local a través da súa conta de Twitter.


Á súa chegada á sede do Concello de Santiago, situada na Praza do Obradoiro, unha decena de persoas recibiron os representantes de Hazte Oír con berros de "fóra transfobia de Galicia", "fascistas", "homófobos", "misóxinos" e "ignorantes".


Unha concentración á que se foron sumando máis persoas a medida que os membros da plataforma se desprazaban ata o rexistro do concello compostelán, xa que este non se atopa na Praza do Obradoiro senón nunha rúa próxima.


MANIFESTO NO PARLAMENTO


En concreto, a plataforma reclama a derrogación da 'Lei de igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuales en Galicia', aprobada en 2014 e que abarca diferentes ámbitos como o policial e xudicial, o laboral, familiar, sanitario, educativo, deportivo, cultural ou da comunicación.


Nela, a Consellería de Educación comprométese a "incorporar a realidade" das diferentes orientacións e identidades sexuais "nos contidos transversais de formación de todo o alumnado de Galicia", así como a visibilizar nos centros educativos "os diferentes modelos de familia" establecidos na mesma lei.


"INFLUENCIAR E CONFUNDIR"


Segundo o portavoz da plataforma, esta norma "busca influenciar e confundir" os alumnos "dicíndolles que deben reformularse a súa identidade sexual". "Pensamos que lles corresponde aos pais educar os nenos segundo as súas propias conviccións", din.


"AUTOBÚS DA VERGOÑA"


As asociacións Arelas, Amizando e Ultreia LGTBI, que traballan no ámbito do colectivo transexual, criticaron este xoves o paso do autobús de Hazte Oír por Santiago de Compostela, ao que acusaron de "esparcir o odio" e avanzaron mobilizacións.


A través dun comunicado, as entidades mostraron a súa "repulsa" pola chegada a Santiago deste "autobús da vergoña" que, para eles, forma parte dunha campaña "homófoba e transfóbica".


A maiores, consideran que as mensaxes desta organización "negan o feito trans como condición humana, esparcen o odio e a discriminación contra as persoas trans" e "agravan" a súa situación, xa "bastante vulnerabilizada de seu".

relacionada Hazte Oír conserva o seu lema transfóbico na caravana pero engade signos de interrogación
relacionada O PSdeG lamenta que o PP non prohiba a repartición do planfleto "homófobo" de Hazte Oir
relacionada A Fiscalía abre unha investigación sobre o autobús de Hazte Oír por delitos de odio

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE