A Xunta oferta 9.300 prazas en escolas infantís na provincia da Coruña
O conselleiro de Política Social lembra que a próxima semana farase pública a lista provisional de admitidos
A Xunta de Galicia oferta un total de 9.340 prazas públicas ou financiadas con fondos públicos en escolas infantís de 0 a 3 anos na provincia da Coruña, o que supón case o 42% do conxunto das catro provincias galegas. Na cidade herculina, o número de prazas financiadas con fondos públicos ascende a un total de 1.596.
Así o explicou o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, durante a visita á escola infantil de Elviña. Nela, apelou ao "compromiso" do Executivo galego para acometer actuacións que permitan a conciliación da vida familiar e laboral.
A este respecto, indicou que a próxima semana farase pública a lista provisional de admitidos nas 22.439 prazas para o próximo curso escolar que oferta a rede autonómica de escolas para nenos e nenas menores de tres anos.
BONO CONCILIA
Tamén lembrou que a Xunta aprobou, no seu último Consello, a nova convocatoria do Bono Concilia, unha axuda directa ás familias para sufragar o custo dunha praza en escolas privadas ás que non obtiveron praza nun centro con financiamento público.
"A finalidade é conseguir que todos os pais que soliciten unha praza a obteñan", dixo coincidindo coa súa visita á escola infantil do barrio de Elviña.
Escribe o teu comentario