O Conselleiro de Política Social insta a substituír prestacións por emprego
Marca como retos clave o impulso demográfico, a inclusión social, as residencias da terceira idade e o financiamento á dependencia.
O Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, instou esta mañá nun coloquio informativo de Fórum Europa a "substituír axudas económicas por emprego" na comunidade co obxectivo de alcanzar a "plena integración", e para iso chamou ao mundo empresarial a sumarse ao reto social a través do selo de empresa solidaria galega.
No almorzo informativo, que tivo lugar no compostelán Hostal dos Reis Católicos, o titular da carteira de Política Social fixo fincapé no que cualificou de "reto social de primeira orde", referíndose así ao importante reto demográfico ao que se enfronta Galicia e o cambio na pirámide poboacional do futuro.
Ademais, estableceu como desafíos para afrontar, ademais do "impulso demográfico", unha lei de inclusión social, as residencias a maiores en todas as cidades galegas anunciadas por Feijóo e a mellora ao financiamento da dependencia, para o que "tende a man" a todos os grupos políticos co fin de lograr "unha Galicia máis social".
UN MILLÓN DE HABITANTES MENOS
Varela sublilña que "en 2050 haberá en Galicia un millón de habitantes menos", pois segundo as súas prospeccións a comunidade pasará de ter 2,7 millóns de habitantes a 1,7. Ademais, asegurou que as franxas de idade "maioritarias" serán as comprendidas entre os 50 e 65 anos, e entre os 65 e 80. "Compartiremos esta situación con toda Europa", engadiu, para incidir despois nos efectos "sociais e económicos" que derivarán do envellecemento e perda de poboación futuros. "É unha prioridade de tal magnitude que é a primeira vez que entra na axenda estatal", dixo en referencia ao Comisionado do Goberno fronte ao Reto Demográfico.
O conselleiro nomeou os incentivos económicos á natalidade, a conciliación e os servizos ás familias como eixos das políticas sociais para reverter o declive poboacional, á vez que mencionou o novo Observatorio Demográfico de Galicia como instrumento clave para que "todos os axentes políticos nos acheguemos no que nos une". "O que nos estamos xogando é demasiado importante, non só ten que facer unha aposta a administración senón tamén empresas e sindicatos", exemplificou.
A TERCEIRA IDADE: "UN SECTOR QUE XERA RIQUEZA"
Outras das prioridades mencionadas por Varela foron a "visibilización" da pobreza e a exclusión social e as medidas para atallar os retos que conleva; ou os efectos derivados do envellecemento poboacional e a dependencia. Neste sentido, o conselleiro destacou que os maiores "non deben de representar un problema" e destacou que ao redor da terceira idade hai un "sector emerxente de emprego que xera riqueza" á vez que exemplificou que en Galicia o emprego neste ámbito incrementouse en 13.000 postos de traballo nos últimos anos.
Neste sentido, Varela mostrou o seu compromiso coa atención á dependencia asegurando, como xa anunciara Feijóo, que chegarán a 60.000 persoas, ademais de avanzar que mellorarán a axuda no fogar co aumento a "un millón de horas" de coidado ou a "axilización dos procedementos administrativos", ademais da creación de senllas residencias de maiores en todas as cidades galegas co horizonte de 2020.
Con respecto á diversidade, o que fora alcalde de Ferrol propón aumentar as axudas no "ámbito municipal" e manter ou aumentar a rede de centros no ámbito residencial; mentres que en relación á mocidade pide mellorar a súa "participación nos asuntos públicos" e articular novos mecanismos de "voluntariado", especialmente en conexión co medio ambiente e a asistencia aos maiores. Interpelado polas súas actuacións en materia de emigración, Varela circunscribiu este ámbito a unha acción conxunta que compete a todas as Consellerías.
Escribe o teu comentario