Unha discusión de tráfico acaba en agresión con arma branca en Ferrol
A Policía Nacional busca aos agresores que protagonizaron unha persecución por varias avenidas da cidade naval.
Axentes da Policía Nacional pertencentes á Comisaría de Ferrol-Narón investigan a autoría dunha agresión cunha arma branca ocorrida minutos antes das 13,00 horas deste luns a un automobilista cando viaxaba co seu vehículo pola Avenida de Irmandiños, nas proximidades do Edificio de Herrerías, sede da Fundación Exponav e do Museo da Construción Naval.
A agresión produciuse como consecuencia dunha discusión de tráfico previa, no barrio de Caranza, onde o agredido coa arma branca supostamente golpeara fisicamente a outro automobilista, segundo apuntaron fontes policiais.
Este, tras solicitar a colaboración de varios amigos, emprenderon a súa persecución, dándolle alcance e cortándolle o paso cunha furgoneta, mentres outro automóbil, tamén outra furgoneta, lle impedía abandonar o lugar desde a parte traseira.
SACADO Á FORZA
Foi entón cando obrigaron ao condutor a baixarse do seu vehículo e lle asestaron un corte nunha das súas mans, tras o que emprenderon de inmediato a fuxida.
O ferido, que foi atendido nun primeiro momento por varias persoas alí presentes, foi trasladado por unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao servizo de Urxencias do Hospital Arquitecto Marcide, onde recibiu as alta horas máis tarde.
Escribe o teu comentario