Leiceaga pide paz entre Carmen Santos e o PP para devolver a normalidade ao Parlamento

"Debemos manter o grupo parlamentario á marxe da competencia que exista entre diferentes persoas no partido", defende sobre as primarias socialistas.


|

Leiceagapsdeghor


O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga pediu unha reflexión a En Marea e PP para "normalizar" o funcionamento do Parlamento. En concreto, desmarcouse das denuncias efectuadas pola viceportavoz segunda de En Marea, Carmen Santos, aínda que tamén critica a reacción do grupo popular.


O portavoz parlamentario do PSdeG manifestou nunha entrevista en Radio Galega que "as palabras de Carmen Santos na interpretación, polo menos que se lle deu publicamente, non eran acertadas". "Pero eu creo tamén que a actitude do PP é excesiva e, por tanto, debo facer un chamamento á reflexión tanto a En Marea como ao grupo popular para conseguir que o funcionamento do Parlamento sexa un funcionamento máis normalizado", aseverou.


Leiceaga tamén cuestiona que En Marea siga insistindo en abrir en Galicia unha comisión de investigación sobre o sinistro de Angrois. Entende que o ámbito no que fai falta desenvolver a investigación é o Congreso e, nese sentido, pon o acento en que "un grupo similar a En Marea nas Cortes de Castela e León vén de rexistrar unha iniciativa que deixaría ao Congreso dos Deputados esa responsabilidade". "Eu creo que os deputados de En Marea deberían aprender disto", opinou.


PRIMARIAS PSOE


En clave estatal, Leiceaga evita situarse en relación ás primarias do PSOE: "Eu creo que para preservar o grupo parlamentario como un instrumento útil para poder facer política en Galicia debemos mantelo á marxe da competencia que exista entre diferentes persoas no partido".


En todo caso, negou que o debate interno xere discrepancias no grupo: "Non. Creo que non se percibe así na sociedade e tampouco se percibe nos contactos que temos entre nós. Procuramos falar do noso traballo, as iniciativas parlamentarias que presentamos e os debates que temos na Cámara, e a iso dedicámoslle a maior parte dos nosos esforzos".


Preguntado por se o resultado das primarias pode influír na súa decisión de aspirar á Secretaría Xeral do PSdeG, pronunciouse da seguinte forma: "Non, non. Eu non teño que tomar esa decisión. Eu estou a dirixir o grupo parlamentario e espero seguir facéndoo no futuro".


NEGREIRA


Leiceaga espera que o xuízo contra o ex alcalde de Negreira "quede en nada" e valora que dimitise para cumprir o código ético do PSOE. En relación ao xuízo que debe afrontar o ex alcalde de Negreira Jorge Tuñas como presunto autor dun delito de apropiación indebida por non devolver 18 teléfonos móbiles, o portavoz parlamentario socialista afirmou que "primeiro hai que felicitalo por cumprir os seus compromisos en relación co código interno do partido e os seus compromisos no propio concello".


"Se se abría xuízo oral dixo que ía dimitir como alcalde, e así o fixo", subliñou Leiceaga, quen espera que o xuízo "quede en nada".

relacionada O PP mantén a súa cruzada contra Carmen Santos no Parlamento
relacionada Tellado cre que Santos "utiliza a violencia machista para sacar tallada política"
relacionada Presenta a súa dimisión o alcalde de Negreira, acusado de apropiación indebida

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE