Tellado cre que Santos "utiliza a violencia machista para sacar tallada política"

O PPdeG ve "ridículo" que a deputada de En Marea pida amparo ao Parlamento e lamenta a súa "mandíbula de cristal" ante "simples críticas". 


|

Migueltellado


O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tilda de "ridícula" a petición de amparo da deputada de En Marea Carmen Santos ante a Presidencia do Parlamento polo trato recibido por parte dos populares na Cámara, á vez que lamenta a súa "mandíbula de cristal" para encaixar "simples críticas".


O pasado mércores todos os grupos da oposición abandonaron a comisión Institucional do Parlamento galego despois de que o deputado popular Alberto Pazos Couñago asegurase --durante o debate dunha iniciativa de En Marea sobre discapacidade-- que non recoñece a Carmen Santos como "interlocutora política válida". Tras iso, a deputada pediu amparo á Presidencia da Cámara polo que considera "violencia institucional" por parte do PP.


En rolda de prensa, Tellado afirmou que o denunciado pola deputada de En Marea "non é admisible", porque "o PPdeG nunca insultou á señora Santos". "E nunca nos referimos a ela de forma pexorativa como si fixeron desde o seu propio partido", sostén.


"UTILIZA A VIOLENCIA DE XÉNERO PARA SACAR TALLADA"


Preguntado polas acusacións de Santos de que os populares dispensan un trato machista ás deputadas da Cámara, Tellado replicou que "expor o que expón Carmen Santos si que é unha cuestión machista".


Neste sentido, argumenta que "cando un critica unha muller non é machista por criticar a unha muller", e pídelle que "non se apoie detrás das mulleres da oposición para tratar de xustificar o inxustificable". Por iso, cre "bastante lamentable" que se escude "no discurso fácil do machismo".


"Nós non somos machistas, a que cremos que utiliza a violencia de xénero para sacar tallada política é a señora Carmen Santos, que é a que dixo que os homes do PP mataban mulleres", sentenciou.


"NON É DIGNA DE OCUPAR UN ESCANO"


Ademais, o secretario xeral do PPdeG remarcou que hai unhas semanas el mesmo avanzou que os populares non ían considerar a Santos como "interlocutora válida" se non se desculpa por "cualificar aos homes do PP como asasinos de mulleres". "Seguimos esperando esa desculpa que non chegou", advertiu.


De tal forma, acusa a Santos de "distorsión á hora de entender a realidade". E é que a Tellado parécelle "curioso" que a deputada de En Marea fale de "violencia institucional" cando o seu partido "é herdeiro dun grupo cuxo líder se dedicaba a dar puñadas nos escanos", así como a "insultar gravemente no día a día do Parlamento aos membros do PP", en alusión a Xosé Manuel Beiras.


"Non estamos dispostos a consentir o que consentimos na pasada lexislatura", avisou, antes de aseverar que: "A señora Carmen Santos non é digna de ocupar un escano no Parlamento de Galicia".


relacionada O PP mantén a súa cruzada contra Carmen Santos no Parlamento
relacionada Santos denuncia trato machista do grupo do PP ás deputadas da oposición

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE