A CIG denuncia ao ex director de Caixa Galicia por estafa e administración desleal

Reclama á Audiencia Nacional investigar "se se deseñou unha estratexia para ocultar a situación de insolvencia en 2009". 


|

Cigsantiago


A CIG vén de presentar unha denuncia ante o xulgado central de instrución do penal da Audiencia Nacional na que se solicita que se investigue ao exdirector xeral de Caixa Galicia José Luis Méndez, ao expresidente da entidade Mauro Varela, así como ao resto de membros do consello de administración e do comité de control da caixa galega polo que identifica cunha xestión "irregular".


En rolda de prensa en Santiago, o líder da CIG, Suso Seixo, sinalou que "hai unha serie de feitos probados" por parte da Audiencia Nacional na sentenza que condenou a exdirectivos de Novacaixagalicia --todos procedían de Caixanova, sen directivos de Caixa Galicia-- por indemnizacións millonarias da que se poden derivar delitos como estafa, administración desleal e falsidade documental.


Respecto diso, Clodomiro Montero --que formaba parte da asemblea xeral de Caixa Galicia como membro da CIG e votou en contra da xestión-- explicou que na sentenza que condenou aos ex directivos de Novacaixagalicia dáse por comprobada a insolvencia de Caixa Galicia en 2009. Unha cuestión que confirmou no seu momento a inspección do Banco de España, que falaba dunha estimación de perdas de 1.279 millóns de euros entre 2010 e 2012, segundo apunta o sindicato.


Con todo, nas asembleas xerais de Caixa Galicia recollíanse uns beneficios de 225 millóns de euros en 2008 e de 91 millóns en 2009. Por iso, Montero avisa de que "alguén terá que explicar" como unha entidade que estaba en situación de "insolvencia" puido declarar "beneficios multimillonarios".


EMISIÓN DE PREFERENTES BASEADAS EN CONTAS FRAUDULENTAS


Neste sentido, Clodomiro Montero lembra que por entón a CIG advertiu de que as participacións preferentes emitidas por Caixa Galicia en 2009 "tiñan a consideración de bonos lixo", xa que había "certas dúbidas sobre a veracidade das contas que estaban a presentar", "o que o tempo acabou por demostrar que era así".


Sobre este extremo, a CIG tacha de "tremendamente grave" que esas contas, que considera falseadas, "serviran para avalar as emisións de preferentes en 2009". Por iso, empraza á Audiencia Nacional a investigar "se se deseñou unha estratexia para ocultar a situación de insolvencia no ano 2009".


A CIG volve presentar esta denuncia ante a Audiencia Nacional, neste caso no xulgado central de instrución do penal, despois de que a Fiscalía da Audiencia Nacional se negase a recollela, no que o sindicato critica por "ser un feito inédito".


CASO "PARECIDO" A BANKIA


Xunto a isto, a CIG cre que o sucedido con Caixa Galicia é un "caso parecido" ao de Bankia, xa que hai actas do Banco de España que din que a entidade galega "era insolvente en 2009", o que corrobora a Audiencia Nacional, e, "con todo, o Banco de España coñecendo a súa insolvencia permitiu que aprobasen unhas contas con beneficios" e que fosen colocadas preferentes "a pequena clientela".


Unha cuestión que considera "gravísima", pois o Banco de España fala dunha morosidade de Caixa Galicia en 2009 que "non é a que presenta na súa memoria" a entidade galega, e "cunha diferenza de 805 millóns de euros nas provisións". 

relacionada Obrigan a un exdirectivo de NCG a devolver os máis de 5 millóns da súa prexubilación
relacionada Ingresan en prisión os cinco exdirectivos de NCG condenados a dous anos de cadea

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE