O ano máis duro e feliz para Brais Méndez, que cumpre a súa promesa tras catro cursos na Real Sociedade
O futbolista galego celebrou o sábado o seu primeiro título como futbolista profesional.
"Só desexo conseguir moitos éxitos e vivir grandes noites coa Real Sociedade". Así de claro manifestábase no verán de 2022 Brais Méndez durante a súa presentación en Anoeta co '23' da Real Sociedade ás costas. O futbolista galego deixaba o club da súa vida por unha aventura como realista xusto cando moitos clubs preguntaban pola situación do de Mos, que dera o salto desde A Madroa para ser un dos emblemas do cadro celeste. Este sábado puido cumprir a súa promesa aos afeccionados txuri-urdines, xusto na tempada máis difícil desde que chegou a San Sebastián.
RUMORES DE ADEUS
E é que este non foi un ano fácil para Brais Méndez. O centrocampista xa iniciou o curso con moitas dúbidas, rodeado de rumores sobre a súa continuidade en Donosti. Na recta final do mercado, e tras o adeus de Alguacil, foi un dos sinalados como favoritos a abandonar a nave realista. Entón apareceu a posibilidade de regresar a Vigo, opción que non se concretou polas estreitezas económicas do equipo que dirixe Giráldez, que en agosto buscaba a un xogador capaz de substituír a Fer López.
O seu adeus non cristalizou, aínda que mesmo se especulou con ofertas desde o estranxeiro despois dunha tempada de altibaixos para Brais Méndez, marcada polas lesións. Aínda que disputou máis de 40 partidos entre liga, copa e Europa League, foi un dos anos máis discretos do centrocampista, que viña callando moi boas tempadas desde a súa chegada a beiras do Cantábrico. No entanto, como no conxunto do equipo, resentiu a irregularidade que impregnou a toda o persoal e que pechou a etapa de Alguacil como técnico.
O PRIMEIRO TÍTULO
O ano pasado, con todo, quedou ás portas da súa primeira final. Unha lesión impediulle estar na volta de semis contra o Real Madrid, onde o seu equipo case lle dá a volta á tortilla cun 4-4 no Santiago Bernabéu, forzando aos brancos a chegar até a prórroga. Esa edición copeira foi un dos grandes protagonistas, xogando todo até ese partido e marcando tres goles.
Nesta ocasión a Real tivo a súa rebancha, pero non Brais Méndez. Desde a chegada de Matarazzo ao banco de Anoeta o de Mos non se fixo intocable, intercalando titularidades con partidos nos que serviu como revulsivo, e en Copa do Rei non tivo minutos nin en semis nin na final do sábado. No entanto, antepondo o colectivo ao individual, Brais foi un dos máis enchufados no banco e celebrou como ninguén o seu primeiro título como profesional.
A Copa do Rei conquistada na Cartuxa é o primeiro trofeo na súa vitrina particular e o seu nome formará parte para sempre da historia realista como a dun dos guerreiros que devolveron a Copa a San Sebastián, que asegurou tamén un billete a Europa o ano que vén. Unha gran noite e éxitos, xusto o que prometeu un Brais Méndez que non faltou á súa palabra a pesar das dificultades.
Escribe o teu comentario